A Xunta destaca que preto do 80% dos alumnos do Programa integrado de emprego mos 3.0 accederon a un posto de traballo

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe no II Foro de Emprego de Mos, onde destacou os bos resultados dos programas integrados de emprego

O Goberno galego incrementa este ano o orzamento desta iniciativa, dirixida a concellos e entidades sen ánimo de lucro, nun 15%

Nas próximas semanas comezarán en toda Galicia 43 programas para mellorar as oportunidades laborais das persoas sen emprego a través da especialización e a posta en marcha de medidas que combinan orientación con formación e prácticas

Como novidade este ano darase prioridade aos Concellos Emprendedores e, ao igual que na pasada edición, resérvanse 2M€ para iniciativas destinadas especificamente a mulleres, a través de Emprega en feminino
 

Mos (Pontevedra), 14 de setembro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou esta mañá no II Foro de Emprego de Mos no que se avaliou o desenvolvemento da terceira edición do programa integrado de emprego Mos 3.0 que rematará a finais de novembro e no que están a formarse 85 alumnos e alumnas. A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste preto de 160.000 euros nesta actuación que xa favoreceu a inserción no mercado de traballo de 66 persoas, o 77% do alumnado.

Marnotes destacou os bos resultados desta iniciativa lembrando que o pasado ano permitiu que un 70% dos 60 participantes acadaran un emprego, superando, deste xeito, en máis de 20 puntos as previsións iniciais.

O director xeral explicou, así mesmo, que os programas integrados de emprego financiados pola Administración autonómica, que teñen uno ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

No caso de Mos 3.0, os alumnos e alumnas levan a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, ao tempo que desenvolven accións específicas de formación nas seguintes especialidades: atención ao cliente; carretilleiro; operario de almacén e xestión loxística; manipulación de alimentos; alerxias alimentarias; traballos en altura; limpeza industrial; hostaleira; produción; ou formación en liña diversa.

Na convocatoria actual dos Programas Integrados de Emprego 2017-2018, que remata no mes de novembro, están a participar en toda Galicia 4337 alumnos e alumnos dos que de media preto do 40% acadaron ata o de agora a súa inserción no mercado laboral (1.683 persoas).

A nova edición dos programas integrados de emprego para os anos 2018 e 2019 arrancará nas próximas semanas. Promovidos por concellos e por entidades sen ánimo de lucro, a Administración autonómica prevé a participación de 4300 persoas desempregadas en 43 programas co obxectivo de que poidan incrementar as súas oportunidades laborais.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza este ano esta iniciativa aumentando nun 15% o orzamento, polo que investirá un total de 10,9 millóns de euros entre 2018 e 2019 para aumentar o apoio que cada entidade percibe. Así, os beneficiarios destas axudas recibirán 2500 euros por cada persoa participante no programa, o que supón un 4% máis con respecto a edicións anteriores.

Concellos emprendedores

Coa iniciativa, priorizarase por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais.

Na próxima edición, e ao igual que na que se está a desenvolver na actualidade, destinaranse dous millóns de euros para programas específicos para mulleres, un 18,3% do total, para seguir desenvolvendo unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

Nesta convocatoria tamén se continuará primando a aqueles proxectos nos que se implique o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Data de actualización: 14/09/2018