O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou coa entidade un convenio de colaboración para o desenvolvemento do mesmo
A Xunta impulsa o programa Medro con Alcer de atención a nenos e nenas con enfermidade renal crónica

Trátase dun programa pioneiro a nivel nacional, cuxo obxectivo é traballar cos menores afectados e coas súas familias, tratando de comprender, predicir e cambiar a súa conduta social, axudándolles a adaptarse á enfermidade

A Consellería de Política Social achega 21.000 euros para a contratación de tres profesionais que desenvolverán as actividades obxecto deste convenio nas catro provincias galegas
 

Ferrol, 14 de setembro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración entre o departamento autonómico e a Federación de asociacións para a loita contra as enfermidades de ril de Galicia (Alcer) para o desenvolvemento en toda a Comunidade galega dun programa pioneiro a nivel nacional de intervención psicosocioeducativa en menores con enfermidade renal crónica (ERC), denominado “Medro con Alcer”.

A finalidade do programa é a intervención psicosocial cos menores con ERC e as súas familias, tratando de comprender, predicir e cambiar a súa conduta social, axudándolles a adaptarse á enfermidade. Ademais, buscará modificar aqueles aspectos nocivos da súa contorna, coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida, así como establecer bases sólidas de coordinación entre todas as partes implicadas dentro dos procesos de atención sociosanitaria a menores con esta enfermidade.

Para acadar os obxectivos, levaranse a cabo diferentes medidas como solicitar o censo de menores con ERC de Galicia, analizar o contexto dos afectados, desenvolver proxectos de intervención individuais, coordinar o proxecto de intervención grupal en materia de soporte social, educativo, emocional a través da estrutura de Alcer e coordinar os departamentos administrativos correspondentes e implicados nas xestións da intervención clínica con menores. Así mesmo, presentarase o programa ás consultas de nefroloxía infantil e crearanse protocolos de derivación e colaboración entre estes departamentos e Alcer.

A Consellería de Política Social realizará unha achega económica de 21.000 euros grazas aos cales, se poderán contratar dous traballadores sociais e un psicólogo que levarán a cabo as actuacións previstas nas catro provincias galegas. No que respecta aos recursos materiais, o programa levarase a cabo cos existentes nas diferentes delegacións provinciais de Alcer.

Rey Varela saudou a sinatura do documento esta mañá do que dixo “é un acordo pioneiro que senta as bases para ofrecer unha atención de calidade e o máis especializada posible para cada un dos nenos e nenas afectados por esta enfermidade”. Así mesmo, o conselleiro agradeceu o labor de Alcer na cidade e en toda Galicia polo benestar dos enfermos de ril.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2018