A Xunta destaca o papel da Feira do moble na dinamización económica do sector

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou na presentación da mostra, que se celebrará na Estrada do 19 ao 23 de setembro

O encontro contará con 65 expositores dos sectores do mobiliario, o interiorismo e a decoración

Entre as novidades desta edición, contarase cun espazo dedicado ao contract, para empresas que traballan para clientes institucionais ou empresariais
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, salientou hoxe na presentación da 32ª Feira do Moble de Galicia o apoio da Xunta a este encontro polo seu papel na dinamización económica do sector, tanto deste o punto de vista dos fabricantes como das compañías que se dedican á súa comercialización.

Na feira, que se celebra do 19 ao 23 de setembro, participarán 65 firmas expositoras, que proveñen maioritariamente de Galicia, e 15 delas da Estrada e da súa contorna. O mobiliario, o interiorismo e a decoración centran un encontro que ten entre as súas principais novidades un novo espazo dedicado ao contract, unha canle de distribución para empresas que traballan no equipamento de edificios para clientes institucionais ou empresariais.

Entre as principais actividades organizadas para os días de celebración da feira, encóntranse charlas informativas e a demostración dun simulador virtual de vernizado do proxecto Eramus+ FUTUREfacing, no que participa a Xunta, así como showcookings ou sorteos de agasallos.
 

Data de actualización: 14/09/2018