A Xunta indica que a aposta pola formación dual de calidade é clave para fomentar o acceso da mocidade ao mercado laboral

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na xornada Xuventude-Emprego: Experiencias e Oportunidades organizada pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a asociación Deloa

Toca destaca que para a Xunta segue a ser prioritario o impulso de programas de formación que combinen prácticas e un compromiso de contratación das empresas

Pon en valor as axudas da Administración autonómica para incentivar a contratación especialmente entre os colectivos con máis dificultades para atopar un emprego

Emprega Xuventude é unha das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para fomentar o traballo entre a mocidade galega e mellorar a súa situación profesional, con especial atención aos que carecen de experiencia laboral

As axudas do programa aínda poden solicitarse, ata o próximo 1 de outubro
 

A Coruña, 14 de setembro de 2018
  • whatsapp

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na xornada Xuventude-Emprego: Experiencias e Oportunidades, organizada pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Asociación de Desenvolvemento Local (Deloa) na que sinalou que o camiño para que a mocidade teña máis oportunidades de acceder ao mercado laboral é seguir apostando pola formación dual de calidade e os programas de incentivos á contratación.

Toca destacou que para a Xunta é prioritario o impulso de iniciativas de formación que combinen prácticas e ao mesmo tempo conten cun compromiso de contratación por parte do tecido empresarial como son as Unidades Formativas na Empresa ou o programa Emprega Xuventude que fomenta o traballo entre a mocidade galega e mellora a súa situación profesional, con especial atención aos que carecen de experiencia laboral.

O prazo para solicitar as axudas de Emprega Xuventude continúa aberto ata o próximo 1 de outubro. A través dun bono de 7000 euros, esta iniciativa financia nas empresas a formación á carta dos traballadores e incentiva a súa contratación. Este ano, como novidade, amplíase o programa a todos os sectores de actividade (en 2017 limitouse ás empresas da Industria 4.0 e a agroalimentación) para contratar 300 menores de 30 anos. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá preto de 1,9 millóns de euros.

O bono formación de 2000 euros concédese ás empresas para que poidan impartir cualificación á carta e axustada ás súas necesidades, é dicir, a formación céntrase nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. Nesta edición, como novidade, este bono será opcional. Ademais, para incentivar a contratación, outórgase, tamén ás compañías, un bono de 5000 euros para apoiar a contratación ao longo dun ano como mínimo.

Outra das novidades deste ano, ademais da ampliación a todos os sectores de actividade e do carácter opcional do bono formación, é que se elimina o número mínimo de traballadores a contratar por parte das empresas para que poidan ser beneficiarias das axudas.

A secretaria xeral de Emprego referiuse ademais a outros programas postos en marcha pola Xunta que combinan formación e prácticas, como son os obradoiros de emprego.

Obradoiros de emprego

Galicia contará, en 2018-2019, cun total de 105 obradoiros de emprego, para impulsar a empregabilidade de 2000 persoas na Comunidade. En concreto, o Goberno galego destina un 25% máis que no período anterior. Por unha banda, son 23 obradoiros para menores de 30 anos aos que se destinan 3,4 millóns de euros e un total de 23,26 millóns de euros para a celebración dos obradoiros duais nos que participarán máis de 1600 alumnos dos 206 concellos beneficiarios.

A principal novidade desta nova modalidade, a dual, é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de alomentos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

Para rematar, a secretaria xeral de Emprego apuntou que estas actuacións forman parte da aposta do Goberno galego por impulsar o emprego xuvenil. Ao respecto, lembrou que no último ano o paro neste colectivo reduciuse nun -10,46%.

Contido da xornada

A xornada Xuventude-Emprego: Experiencias e Oportunidades, organizada pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Asociación de Desenvolvemento Local (Deloa) xirou en torno a tres eixos principais: a formación, a inserción laboral e o intercambio de experiencias dos mozos e mozas inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil que participaron nos 7 obradoiros socio-ocupacionais impartidos pola EOI e Deloa para fomentar a súa empregabilidade, identificando as carencias e as necesidades das empresas e desenvolvendo accións formativas específicas para mellorar a súas habilidades. Na mesa redonda celebrada, na que tomou parte a secretaria xeral de Emprego, tamén asistiron, ademais dos mozos e mozas dos obradoiros, representantes da empresa privada.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2018