A Xunta inicia a adxudicación de 492 prazas de 0 a 3 anos financiadas en escolas infantís de titularidade privada

O obxectivo desta oferta, un 16% maior que o curso pasado, é garantir unha disposición suficiente de prazas nas mesmas condicións que nas escolas públicas naqueles concellos onde a rede pública a día de hoxe non cubre a totalidade das demandas das familias

Santiago, 14 de setembro de 2018
  • whatsapp

A Xunta de Galicia ten aberto desde hoxe e durante 15 días o prazo de presentación de solicitudes para acceder ás prazas do primeiro ciclo de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís de titularidade privada. A orde que regula este procedemento publicouse na xornada de onte no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na convocatoria para o presente curso 2018-2019 ofértanse un total de 492 prazas distribuídas nas sete grandes cidades e nos concellos da súa área de influencia, así como no concello de Monforte de Lemos. Esta cifra supón un 16% máis de prazas que na liña de contratación que se puxo en marcha no curso 2015-2016. O obxectivo é garantir unha oferta suficiente de prazas nas mesmas condicións que nas escolas públicas naqueles concellos onde a rede pública a día de hoxe non cubre a totalidade das demandas das familias. Deste xeito, complétanse as posibilidades de acceso das familias galegas a unha praza sostida con fondos públicos, facilitando a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Poderán adxudicarse estas prazas aos nenos e nenas que estean no seguintes supostos: aqueles escolarizados nunha praza concertada durante o curso anterior para a renovación da praza, os nenos e nenas de novo ingreso cun irmán ou irmá que renove a praza; os solicitantes de praza na rede pública autonómica que se queden en lista de agarda. As listas de persoas adxudicatarias tanto de renovación de praza como de novo ingreso faranse públicas a partir do día 15 do vindeiro mes de outubro.

As prazas ofertadas están distribuídas do seguinte xeito: 123 na Coruña e área metropolitana, 45 en Santiago de Compostela e Ames, 10 en Ferrol, 20 en Lugo, 10 en Monforte de Lemos, 58 en Ourense, 51 en Pontevedra e 175 en Vigo e concellos limítrofes do Porriño e Cangas.

A distribución territorial das prazas responde a que é nas sete cidades e nas súas áreas metropolitanas ou de influencia onde se concentra o maior número de nenos e nenas que non acadan praza nas escolas infantís de 0 a 3 anos da rede pública autonómica. Esta consideración esténdese ao concello de Monforte de Lemos.

Cómpre destacar que Galicia conta hoxe cunha rateo de cobertura en escolas infantís superior ao 41% dos nenos e nenas galegos de 0 a 3 anos, superando en sete puntos a rateo aconsellada pola Unión Europea. O obxectivo da Xunta é que no ano 2020 todos os concellos de Galicia conten cun recurso de conciliación.

Programa de Apoio á Natalidade

Esta actuación forma parte da área de conciliación do PAN, un programa global que persegue dar resposta ás necesidades das familias galegas, garantir o seu benestar e apoialas de maneira igual e continua. Para iso, medidas en tres grandes áreas de actuación: PAN Axudas, PAN Concilia e PAN Servizos.

A través de PAN Axudas, a Xunta quere contribuír a paliar o custo dos primeiros anos de vida dun fillo a través de incentivos fiscais e axudas económicas como a Tarxeta Benvida.

Na área de PAN Servizos ofrécense recursos para as familias co obxecto de crear contornas favorables e mellorar o seu benestar no momento de chegada dun fillo ou filla. Entre as principais medidas desta área destaca a creación de dous bancos de leite materno nos hospitais da rede pública de Vigo e A Coruña.

O obxectivo das actuacións recollidas no PAN concilia é crear un ambiente social favorable no que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta a disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos, como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial. As principais actuacións desta área son o fortalecemento da rede pública de escolas infantís (que conta con 10.264 prazas dependentes directamente da Administración autonómica e 24.081 prazas sostidas con fondos públicos), o bono concilia (axuda destinada ás familias que non obtiveron praza en escolas públicas ou sostidas con fondos públicos que beneficia a 3700 familias), a posta en marcha das casas niño no rural ou a apertura de escolas infantís en contornas empresariais.

A Xunta de Galicia conseguiu o obxectivo de que todas as familias solicitantes dunha praza para a atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos a obteñan e que non exista lista de agarda.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2018