Os TAC preferentes do Hospital Universitario de Ourense realízanse nunha media de quince días e no mesmo día os urxentes

En 2017 realizáronse 26.151 TAC, cun 46% de incremento dos TAC de control ao cada día maior número de pacientes coa enfermidade baixo control

A entrada en vigor do Decreto 105/2017, que regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso, beneficiou a 2.851 en Ourense
 

Ourense 14 de setembro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal Viñas, destacou hoxe no Parlamento de Galicia o incremento de TAC realizados e a redución en dez días da espera media para estas probas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, subliñando que estes fanse en quince días, cando son preferentes, e na mesma xornada os urxentes.

Esta mellora foi posible grazas a toma de medidas de coordinación e control, nesta Área, para dar resposta ao incremento constante de solicitudes deste tipo de probas diagnósticas, cun 20% mais de solicitudes de TAC preferentes nos últimos anos. Mostra do volume e extensión destes estudos, tan só en 2017, realizáronse 26.151 TAC no CHUO.

Dentro dos TAC de control, como os de seguimento de pacientes, xa en tratamento, como os do Servizo de Oncoloxía, o director xeral de asistencia, subliñou que a realización destas probas incrementouse nun 46% (pasando de 876, en 2016, a 1.280 o pasado ano). Só no primeiro semestre de 2018, xa realizaron preto de 800 TAC control, cunha espera media de 60 días, o que supón 11 días menos que ao inicio do ano. Estas probas prográmanse no CHUO tendo sempre en conta a data estimada e despois da valoración dun radiólogo.

Maior porcentaxe de pacientes baixo control

Como destacou Jorge Aboal hoxe, o progresivo aumento destes TAC de control responde a unha realidade esperanzadora, xa que pese a que o número de casos anuais non aumentan significativamente, cada día é maior a porcentaxe de pacientes que manteñen a enfermidade baixo control, con periódico seguimento por parte deste servizo, incrementándose así progresivamente a demanda de estudos de control.

Nesta liña, destacou que no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, no primeiro semestre deste ano, a espera media para realizar unha intervención cirúrxica nas patoloxías incluídas na prioridade 1 (a maioría oncolóxicas) foi de 11,7 días e a demora para unha primeira consulta no servizo de oncoloxía foi de 2 días.

Ademais, e co fin de continuar mellorando os tempos de espera de TAC, no CHUO están a traballar conxuntamente a Dirección da Área sanitaria cos Servizos de Oncoloxía Médica e Radioloxía, de maneira que, a través da elaboración e implantación das vías clínicas axeitadas, se poda axilizar e mellorar os tempos de resposta axustados por prioridades.

2.851 pacientes beneficiaronse do Decreto de Garantías

Doutra banda, Jorge Aboal, subliñou que a entrada en vigor do Decreto 105/2017, que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias publicas, garante de maneira individualiza uns tempos máximos de atención aos pacientes, afectos de determinadas patoloxías, entre as que están as oncolóxicas.

Só na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, beneficiáronse deste Decreto 2.851 pacientes: 859 da área cirúrxica, 1.476 da área de consultas e 1.486 da área de probas.

En canto ao número de reclamacións producidas, o Director Xeral de Asistencia Sanitaria, apuntou a necesidade de acompañar este dato do número de TAC realizados no CHUO neste periodo, 184.000, o que supón un 4% de reclamacións por motivos relacionados coa realización dun TAC. É Dicir, 4 reclamacións por cada 100 TACs realizados.

Aboal remarcou que calquera reclamación das usuarias e usuarios do SERGAS, tanto en relación coa espera para unha proba diagnóstica, como por calquera outro motivo, son obxecto de consideración e análise individualizado para dar unha resposta axeitada a cada caso.

Ademais subliñou que, en Ourense, existe unha comunicación fluída entre a Xerencia e as asociacións de pacientes, que trasladan as incidencias que poidan xurdir na atención, na procura dunha solución individualizada cos servizos clínicos.

Para o Director Xeral, o CHUO, que conta con tres TAC e un equipo de profesionais formado por 27 radiólogos, 50 técnicos especialistas en radioloxia e 10 enfermeiras, conta cunha áptima dotación de recursos para ofertar unha asistencia de calidade.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 14/09/2018