Cultura comeza a preparar a participación de Galicia como territorio convidado de honor na edición de 2019 do Festival Intercéltico de Lorient
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co director do Festival Intercéltico de Lorient, Lisardo Lombardía, co fin de comezar a preparar a participación de Galicia como territorio convidado de honor na 49ª edición deste evento. Este fito suporá o máximo protagonismo para a nosa comunidade neste histórico encontro da cultura celta, así como unha importante visibilidade para a delegación galega que viaxe ao festival.

O Festival Intercéltico de Lorient, no que Galicia adoita ter unha ampla representación, reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade. A 49ª edición do evento celebrarase na localidade bretoa entre o 2 e o 11 de agosto de 2019. Á reunión asistiron tamén a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o delegado do festival en Galicia, Pablo Seoane; e o director da Agadic, Jacobo Sutil.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2018