O titular da Xunta presidiu a sinatura da aprobación definitiva do PXOM deste concello
Feijóo celebra a aprobación do novo PXOM de Foz, que contribuirá a impulsar o crecemento racional e sustentable dos servizos da Mariña

Asevera que coa aprobación desta nova normativa urbanística, o concello dispón xa das pautas sobre as que se escribirá o seu futuro, ao blindar o crecemento urbanístico controlado

Resalta que, a día de hoxe, coa aprobación do de Foz, xa son 96 os municipios cun PXOM actualizado, “case o triplo” que en 2009

Salienta que Foz deixa de ser un dos 168 concellos de Galicia que están suxeitos a normas subsidiarias municipais ou a PXOM non adaptados á nova Lei do solo, nos que o Plan básico autonómico permitirá corrixir as indeterminacións ou as lagoas que existan

Asegura que ao longo dos vindeiros meses tamén poderán dispoñer dunha ordenación urbana os 37 concellos de menos de 5000 habitantes, ao beneficiarse dos futuros plans básicos municipais

Agradece ao Goberno local e á Corporación Municipal de Foz a responsabilidade demostrada para sacar a adiante o PXOM dun xeito consensuado
 

  • whatsapp

Foz (Lugo), 18 de setembro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe a aprobación do novo PXOM de Foz, que contribuirá a impulsar o crecemento racional e sustentable dos servizos da Mariña lucense.

Durante o acto de sinatura, Feijóo aseverou que coa aprobación desta nova normativa urbanística, o concello dispón xa das pautas sobre as que se escribirá o seu futuro. Non en van, o novo plan de ordenación blinda o crecemento urbanístico controlado e fixa unha capacidade residencial de 4841 vivendas.

Así mesmo, establece un modelo de ordenación baseado nos seguintes eixos: na vila como núcleo urbano principal, ao que se lle incorporou o núcleo de Marzán, de orixe rural pero incorporado á trama urbana; os núcleos de Cangas, Fazouro, Nois, Forxán e Vilaronte establécense como núcleos urbanos secundarios; os núcleos tradicionais de base rural, onde o plan busca garantir a súa supervivencia e favorece as políticas de rehabilitación, de mellora dos espazos públicos e de desenvolvemento sustentable e harmónico; o sistema de comunicacións ferroviarias e por estrada; o porto como elemento importante da actividade pesqueira e náutico-recreativa; e o parque empresarial de Fazouro, ao que o PXOM amplía a extensión.

Se en 2009 o Goberno galego marcou como obxectivo que non quedase ningún concello sen un plan de ordenación, Feijóo resaltou que, a día de hoxe, coa aprobación do de Foz, xa son 96 os municipios cun PXOM actualizado; “case o triplo”, aseverou, recordando que nese ano había 33 concellos co plan actualizado.

Neste mesma liña, subliñou que Foz deixa de ser un dos 168 concellos de Galicia que están suxeitos a normas subsidiarias municipais ou a PXOM non adaptados á nova Lei do solo, nos cales o Plan Básico Autonómico permitirá corrixir as indeterminacións ou as lagoas que existan.

Ao longo dos vindeiros meses, tamén poderán dispoñer dunha ordenación urbana os 37 concellos de menos de 5000 habitantes e sen planeamento. Estes municipios beneficiaranse dos futuros plans básicos municipais, redactados sobre a radiografía territorial que realiza o Plan básico autonómico, e que permitirán que os concellos máis pequenos de Galicia teñan as mesmas oportunidades ca os grandes para acceder aos beneficios do planeamento.

Feijóo concluíu agradecendo ao Goberno local e á Corporación Municipal de Foz a responsabilidade demostrada para sacar a adiante esta nova ordenación urbana dun xeito consensuado; e garantiu o compromiso da Xunta cunha política útil que faga unha Galicia mellor a longo prazo, cunha ordenación territorial que permita avanzar cara a un territorio máis harmónico.

“Co PXOM de Foz damos un paso máis e seguimos avanzando na mellora da ordenación do territorio galego”, dixo, ao que engadiu que os seguintes fitos nesta folla de ruta serán: a redacción dos primeiros plans básicos municipais; e a aprobación da Lei de ordenación do territorio, que mellorará e adaptará ás necesidades do século XXI a normativa que teñen que seguir todas as actuacións territoriais a nivel supramunicipal.

Aposta pola Mariña

Por outra banda, e como proba da aposta do Executivo autonómico pola Mariña, Feijóo referiuse ao impulso que se lle está a dar á variante de Viveiro, coa adxudicación do estudo informativo e de impacto ambiental dunha nova ponte sobre a ría.

“Seguiremos reivindicando ante o Goberno central que se concreten os avances na tramitación da Autovía da Mariña, algo que xa lle trasladei ao presidente Sánchez. En materia turística, o pasado mes de abril púxose en marcha a oficina virtual de turismo da Mariña e estamos tamén a mellorar o centro de interpretación da basílica de San Martiño de Mondoñedo, un dos lugares máis senlleiros deste concello. E, en materia sanitaria, en cuestión de semanas comezará o traslado á primeira fase da ampliación do hospital público da Mariña lucense, na que se investiron preto de 13 millóns”, dixo, destacando tamén a posta en servizo nos vindeiros meses do centro de día de Foz, no que se investiron máis de dous millóns de euros.

Logo de referirse á remodelación da avenida da Mariña, Feijóo destacou tamén en materia de saneamento o estudo das diferentes alternativas para unha nova depuradora en Foz, na cal se investirán máis de 8 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/09/2018