A Xunta lanza a nova convocatoria do programa Galicia Inviste, que impulsará a competitividade de 120 pemes e prevé mobilizar uns 40M€

Feijóo avanza que a principal novidade desta nova edición é a ampliación do volume máximo dos investimentos que se poden acoller a este programa: elévase ata os 2 millóns de euros

Ao abeiro da última convocatoria resolta de Galicia Inviste, aprobáronse 136 proxectos empresariais e mobilizáronse 42,6 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha da nova convocatoria do programa Galicia Inviste, que impulsará a competitividade de 120 pemes a través de axudas ao investimento. En concreto, o orzamento deste programa ascende aos 6,5 millóns de euros, cos que se prevé mobilizar uns 40 millóns de euros.

Segundo explicou o presidente, a principal novidade desta nova edición é a ampliación do volume máximo dos investimentos que se poden acoller a este programa. Mentres antes abarcaba aqueles entre 50.000 e 900.000 euros, agora o teito elévase ata os 2 millóns de euros, polo que poderán acceder a el investimentos de maior envergadura.

Poderán optar ao Galicia Inviste pequenas e medianas empresas dos seguintes sectores: industrias extractivas; industria manufactureira; tratamento e eliminación de residuos; valorización; reparación de vehículos de motor e motocicletas; depósito, almacenamento e manipulación de mercadorías; hoteis e aloxamentos similares; información e comunicacións, agás a edición; e servizos técnicos e outros servizos de apoio á industria.

Os tipos de investimentos que se financian a través destas axudas son os referidos a: obra civil, como acondicionamento de terreos, oficinas, laboratorios, almacéns, etc; compra de edificacións ou construcións novas, por non máis do 10% do investimento subvencionable; bens de equipo; outros investimentos en activos fixos materiais, incluíndo mobiliario; activos inmateriais relacionados directamente co proceso produtivo ou de prestación de servizos; e reformas en bens inmobles arrendados.

Ademais –aínda que só no caso das empresas que se implanten nun Concello Emprendedor– poderanse subvencionar os investimentos en terreos edificados e non edificados ata o 10% do gasto total subvencionable.

O apoio da Administración autonómica poderá chegar ata o 30% dos investimentos subvencionables no caso de pequenas empresas e ata o 20% no caso de medianas empresas.

Última convocatoria de Galicia Inviste

Ao abeiro da última convocatoria resolta de Galicia Inviste, do ano 2016, aprobáronse 136 proxectos empresariais e mobilizáronse 42,6 millóns de euros.

Así, entre a convocatoria de Galicia Inviste e o programa de Incentivos Rexionais do Ministerio de Hacienda –destinado a proxectos de máis de 90.000 euros– estase a apoiar 154 proxectos empresariais que mobilizan preto de 460 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2018