A Xunta promove programas de inserción laboral para persoas con adiccións en risco de exclusión social

A Administración autonómica destina preto de 90.000 euros a financiar as actuacións de formación para o emprego que desenvolve ATOX, e nos que tamén participan internos abstinentes do centro Pereiro de Aguiar

Ourense, 21 de setembro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, visitou esta mañá as instalación da Asociación Ourensá de Axuda ao Toxicómano (ATOX), que cumpre trinta anos traballando no ámbito da información prevención e apoio a persoas con adiccións. A Administración autonómica colabora con esta entidade a través do financiamento de programas de inserción laboral para colectivos en risco de exclusión e para internos abstinentes do centro Pereiro de Aguiar.

Arturo Parrado enxalzou o labor que desde hai tres décadas leva a cabo ATOX, á que se referiu como “unha axente social de primeiro orde e de referencia en Ourense”. Neste sentido, garantiu a continuidade do apoio da Xunta a través da liña de axudas a entidades pola que se ten concedido a esta asociación preto de 90.000 euros para os exercicios de 2017 e o presente de 2018.

Ao respecto, o director xeral sinalou que o seu departamento autonómico seguirá a traballar en prol das familias e persoas máis vulnerables socialmente, para o que avogou por “intensificar aínda máis as liñas de colaboración co resto das administracións e coas entidades”. Así, lembrou que a Xunta volveu a incrementar o orzamento da orde de axudas a entidades de iniciativa social, ata acadar na última convocatoria os 15 millóns de euros.

Por outra banda, Arturo Parrado asegurou que o Executivo autonómico continuará coordinando as súas accións e programas coas entidades sociais coa finalidade de mellorar a situación dos fogares e persoas que máis precisan de apoio. Ao fío disto, destacou que o Executivo autonómico volveu aumentar os recursos económicos que destina ao longo desta anualidade para diminuír a exclusión e a desigualdade ao reservar para políticas de inclusión social 115,2 millóns de euros, o que supón un 8% máis que o ano pasado. Ademais, apuntou ao maior grao de desenvolvemento da Axenda Social de Galicia como outro dos eixes que sustentan as políticas activas de inclusión da Xunta.
 

Data de actualización: 21/09/2018