A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle unha exposición sobre a provincia no pasado século, con fotos de José Luís Vega e textos de Amor Meilán

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, invitou aos lucenses a visitar unha mostra “que nos obriga a mirarnos por dentro e extraer conclusións”

Lugo, 24 de setembro de 2018
  • whatsapp

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle ata o vindeiro día 2 de outubro a exposición A provincia de Lugo a mediados do Século XX, con fotografías de José Luís Vega e textos de Manuel Amor Meilán.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se mostran “imaxes da vida cotiá xunto con episodios bélicos -das guerras napoleónicas e carlistas-, lendas, apuntes da economía local e poderosas descricións, dos lugares e da realidade socioeconómica do momento”.

O delegado gabou a forza das imaxes e da palabra que “nos definen moito mellor do que o poden facer todas as estatísticas posibles” e invitou a todos os lucenses a visitar esta exposición “que nos obriga a mirarnos por dentro e extraer conclusións” sobre a evolución da provincia.

A Xunta recupera esta mostra, que foi exposta por primeira vez hai máis de vinte anos, e que reúne as fotografías de Vega, que custodia o Arquivo Histórico Provincial, e textos da obra Geografía General del Reino de Galicia, en concreto do tomo que redactou Amor Meilán sobre a provincia de Lugo. Balseiro apuntou que a Biblioteca Pública Provincial dispón dun exemplar orixinal entre os seus fondos antigos e engadiu que o material orixinal que serviu de base á exposición pode consultarse nestes centros “indispensables na vida cultural lucense”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/09/2018