Feijóo avanza o novo Plan de formación 2018-2019 que, con máis recursos e facilidades, chegará a máis de 16.500 desempregados que poderán elixir a súa cualificación entre máis de 1.000 cursos

Salienta que, cun orzamento de 48 millóns de euros, os alumnos poderán escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en: empresas, entidades sen ánimo de lucro e nos concellos adxudicatarios das axudas

Afirma que Galicia convértese así nunha das primeiras comunidades que permite ao alumnado escoller centro e especialidade

Sinala que a cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial

Subliña que as accións formativas dirixidas a persoas desempregadas que impulsa a Xunta alcanzan de media unha inserción laboral próxima ao 60%; e 2 de cada 3 alumnos acceden ao mercado laboral nos seis primeiros meses desde que finalizan o curso

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2018
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o novo Plan de formación 2018-2019 que, con máis recursos e con máis facilidades, chegará a máis de 16.500 desempregados que poderán elixir a súa cualificación a través dunha oferta de máis de 1.000 cursos, que financia a Xunta ao 100%.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que, cun orzamento de 48 millóns de euros (un 13,4% máis que na convocatoria anterior), os alumnos poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en: empresas, entidades sen ánimo de lucro e nos concellos adxudicatarios das axudas.

Deste xeito, Galicia convértese nunha das primeiras comunidades que permite ao alumnado escoller centro e especialidade e en calcular o custe por alumnos de cada curso. Neste senso, o titular do Goberno galego apuntou que a persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interese: data prevista de comezo, horario, lugar onde se imparte, datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación.

Así mesmo, na selección do alumnado terán preferencia: as mulleres, os parados de longa duración, os menores de 30 anos, os emigrantes retornados, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e os alumnos con baixa cualificación.

Logo de precisar que a cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial, o titular da Xunta explicou que, como vén sendo habitual, ofertaranse cursos nas catro provincias galegas e nos principais sectores da economía galega, como son: o metal e naval, as TIC, a automoción, o comercio e márketing, a construción, o turismo e a hostalería, o transporte, a sanidade, os servizos sociais, a seguridade e medio ambiente, o ámbito agrario, as actividades deportivas ou a industria alimentaria, entre outros.

Por tanto, a Xunta segue a impulsar accións formativas dirixidas a persoas desempregadas, que alcanzan de media unha inserción laboral próxima ao 60%; e 2 de cada 3 alumnos acceden ao mercado laboral nos seis primeiros meses desde que finalizan o curso.

Por último, o presidente do Goberno galego concluíu subliñando que este plan compleméntase coa posta en marcha doutro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os obradoiros duais; ou os plans formativos para sectores específicos, como a automoción, o naval ou o forestal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2018