A Gala aRi[t]mar reunirá en Santiago o mellor da poesía e da música de Galicia e de Portugal

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na rolda de prensa en que se deron a coñecer os detalles da entrega dos premios concedidos por votación popular á formación musical A banda da Loba, ao cantante Salvador Sobral e aos poetas Lois Pérez e Alexandre Brea

O grupo musical Canto D’Aqui recollerá na mesma gala o premio especial do xurado á embaixada da amizade galego-lusófona pola iniciativa Convergências Portugal Galiza, que desenvolve co Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho

O acto, para o que se poden recoller entradas a partir do 26 de outubro na EOI e no Teatro Principal de Santiago, celebrarase o 31 do mesmo mes no Auditorio de Galicia
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro 2018
  • whatsapp

O vindeiro 31 de outubro, no compostelán Auditorio de Galicia, A Gala aRi[t]mar Galiza e Portugal 2018 reunirá o cantante portugués Salvador Sobral, a formación galega A banda da Loba e os poetas Lois Pérez e Alexandre Brea para entregarlles os premios concedidos por votación popular á mellor música e poesía galega e portuguesa do pasado ano. A gala, na que se lerán e se cantarán os temas gañadores, forma parte do proxecto cultural homónimo que impulsan as consellerías de Educación -por medio da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago- e de Cultura e Turismo e que constitúe unha das accións coas que a Xunta de Galicia desenvolve a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na rolda de prensa en que se presentou esta mañá a gala lembrando “que a cultura e a lingua galegas nos achegan a Portugal e, a través de Portugal e do portugués, a 260 millóns de falantes da Lusofonía”. Neste sentindo, García Gómez considerou “que aRi[t]mar é unha ferramenta para facilitar ese encontro e, ao mesmo tempo, un síntoma de que pasaron á historia os tempos en que galegos e portugueses mirabamos cada un para o seu lado sen querer recoñecer todo aquilo que nos une, que nos fai irmáns”.

A canda o secretario xeral interviñeron presentación o director da EOI compostelá, Gonzalo Constenla; o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios; e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. Asistiron tamén Xiana Lastra, vocalista de A banda da Loba; os poetas Lois Pérez e Alexandre Brea e integrantes da formación musical Canto D’Aqui.

aRi[t]mar

A iniciativa aRi[t]mar chega á súa terceira edición co obxectivo de afianzar os vínculos lingüísticos e culturais das dúas beiras do Miño. Conta co patrocinio da Xunta de Galicia e tamén do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial da Coruña, do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo. Con ela colaboran o Conservatorio Profesional de Música compostelán, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, as EOI de Lugo e de Pontevedra e centros de ensino secundario onde se imparte portugués como segunda lingua estranxeira.

Este proxecto didáctico-cultural difunde cada ano a poesía e a música editadas no curso anterior en Galicia e en Portugal mediante un certame que ten varias fases: na primeira, un xurado selecciona os 10 mellores poemas galegos e portugueses e as 10 mellores cancións en galego e en portugués; deseguido, realízanse as votacións virtuais para elixir a canción e o poema gañadores en cada idioma e, por último, os artistas gañadores, xunto cos poetas escollidos, actúan en outubro na Gala de Premios aRi[t]mar Galiza e Portugal.

Gala 2018

Na presente edición de aRi[t]mar, a canción gañadora en galego foi “Bailando as rúas”, de A banda da Loba; a escollida en portugués, “Amar pelos dois”, de Salvador Sobral, coñecida por ser vencedora no Festival Eurovisión de 2017; o poema galego seleccionado polos votantes foi “Blues do rei Bermang = B. B. King”, de Lois Pérez, e o seu equivalente portugués, “XXI. Com o ritmo da chuva”, de Alexandre Brea Rodríguez.

Por outra banda, o xurado decidiu outorgarlle o premio especial á embaixada da amizade galego-lusófona á iniciativa Convergências Portugal-Galiza e ao grupo musical Cando D’ Aqui, coorganizador, xunto co Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, destes encontros musicais cos que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Todos os premiados interpretarán as composicións gañadoras na gala de entrega de premios presentada por Carlos Meixide e Iria Pinheiro que se celebrará no Auditorio de Galicia o 31 de outubro ás 21.00 horas. As entradas para o evento poden recollerse de balde a partir do 26 de outubro na EOI de Santiago e no Teatro Principal. O mesmo día da gala, poderán recollerse entradas no Auditorio de Galicia desde 3 horas antes do inicio do evento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2018