A conselleira de Política Social, Fabiola García, renovou hoxe o convenio de colaboración coa Fundación Secretariado Gitano
A Xunta reafirma o seu compromiso co alumnado xitano a través do programa Promociona

A Administración autonómica destina este ano 120.000 euros -un 87,5% máis que no 2017- ao desenvolvemento desta iniciativa que ten como obxecto promover o éxito académico

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, e o director da Fundación Secretariado Gitano, Isidro Juan Rodríguez Hernández, renovaron hoxe o convenio de colaboración para a execución de accións do programa operativo estatal de inclusión social e economía social 2014-2020 do Fondo Social Europeo.

Concretamente, este acordo permitirá desenvolver itinerarios integrados de inclusión socio-laboral para a poboación xitana mediante o programa Promociona. O obxectivo é apoiar ás familias con nenos, nenas e adolescentes en idades escolares para mellorar as condicións do ámbito da educación no propio fogar apoiando aos alumnos e alumnas de etnia xitana co fin de reducir o abandono escolar. Así, búscase favorecer a permanencia escolar do alumnado xitano e conseguir taxas máis elevadas de éxito académico durante a etapa de escolarización obrigatoria e promover a continuidade en estudos medios e/ou superiores e formación profesional.

Para conseguilo, a Fundación Secretariado Gitano encargarase de ofrecer orientación educativa a nivel individual, a nivel grupal a través das aulas promociona e a nivel sociocomunitario traballando en rede co entorno do alumnado. Así mesmo realizará campañas de sensibilización dirixidas a diferentes públicos pero especialmente á comunidade xitana e organizará encontros de estudantes e familias, como espazo de debate, reflexión, intercambio de situacións, problemas e experiencias de éxito.

Para a realización das actividades obxecto do convenio, a Consellería de Política Social achegará a cantidade de 120.000 euros, o que supón un incremento do 87,5% con respecto ao ano pasado.

A Xunta de Galicia mantén esta colaboración coa Fundación desde o ano 2009.

Fundación Secretariado Gitano

A entidade desenvolve, desde o ano 2001, programas e accións que buscan fomentar a participación social e a incorporación laboral da comunidade xitana en Galicia, e apoiar as iniciativas que teñen por obxecto a mellora das condicións de vida das persoas xitanas.

Na actualidade atende arredor de 2000 persoas e conta con sedes en Lugo, Santiago, A Coruña, Narón, Pontevedra e Vigo.

Data de actualización: 06/10/2018