A conselleira de Política Social, Fabiola García, asistiu hoxe ao acto inaugural do máster sobre esta materia organizado pola Universidade da Coruña en colaboración coa Fundación Paideia e AGAT
A Xunta destaca a importancia da formación e da especialización nos servizos da Rede Galega de Atención Temperá

A titular de Política Social indica que “a prevención e a pronta abordaxe dos trastornos nos menores axudan a diminuír futuras situacións non desexadas”

O Executivo autonómico reforzou a rede de atención temperá coa posta en marcha de 16 novas unidades nos últimos tres anos

A Coruña, 5 de outubro de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, salientou esta tarde a importancia da formación para dar unha resposta integral ás necesidades que teñen ás persoas menores entre os 0 e os 6 anos de idade con trastornos no seu desenvolvemento ou con risco de padecelo. Así o sinalou no acto de inauguración do Máster en Desenvolvemento Infantil e Atención Temperá organizado pola Universidade da Coruña (UDC) coa colaboración da Xunta, a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) e a Fundación Paideia.

Na súa intervención, a conselleira insistiu en que esta acción formativa permitirá aos profesionais dos campos sanitario, educativo e social que traballan con nenos e nenas adquirir unha maior capacitación e especialización, ao tempo que actualizan os seus coñecementos nesta materia. Nesta liña, afirmou que a atención temperá “é a mellor ferramenta para acadar unha sociedade mellor, máis xusta e inclusiva”, posto que “a prevención e a pronta abordaxe dos trastornos nos menores axudan a diminuír futuras situacións non desexadas”, engadiu.

Así mesmo, Fabiola García destacou o pulo que a Xunta está a dar á Rede Galega de Atención Temperá, poñendo en marcha nos últimos tres anos 16 novas unidades que ofrecen servizo a 92 concellos. Ao respecto, apuntou que a nova convocatoria de axudas do presente exercicio de 2018 para a consolidación desta rede está dotada de 1,4 millóns de euros, o que representa un incremento do 13% con respecto ás dúas anteriores anualidades. “De cara ao futuro” –garantiu a conselleira- “seguiremos promovendo o reforzo desta rede con novas liñas de axuda que permitirán estendela a máis puntos do territorio, facendo da mesma un verdadeiro servizo de proximidade para os nenos, nenas e as súas familias”.

Este curso de posgrado da UDC está orientado a que todas as persoas que traballan no espazo profesional de 0 a 6 anos, sexa desde o campo educativo, sanitario ou social, adquiran unha comprensión integral do desenvolvemento infantil e da súa diversidade, dotándoos de criterios, recursos e técnicas para a análise das situacións evolutivas e a intervención co menor, a familia e as redes sociais. Ademais, ten carácter presencial e a formación teórica compleméntase con case 100 horas de prácticas nos servizos comunitarios específicos e nas unidades hospitalarias da Rede Galega de Atención Temperá.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/10/2018