A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos participantes no proxecto que está a desenvolver Porta da Vila
A Xunta achega a xardinería e horticultura urbana á mocidade de Betanzos a través do programa Iniciativa Xove

Os mozos e mozas participan en talleres relacionados con esta temática, recuperarán un xardín franciscano e habilitarán un espazo como horto urbano de produtos ecolóxicos

Betanzos (A Coruña), 5 de outubro de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, visitou hoxe aos participantes nos talleres gratuítos de xardinería e horticultura urbana que está a desenvolver a asociación xuvenil Porta da Vila durante os días 4,5 e 6 de outubro no espazo xove de Betanzos no marco do programa Iniciativa Xove.
Os talleres teñen unha orientación práctica e o obxectivo é que os mozos e mozas adquiran os coñecementos e destrezas necesarias para poñer en marcha un xardín ou horto urbán. Ao abeiro desta iniciativa, os mozos e mozas están tamén a participar na recuperación e posta en valor dun xardín franciscano en dita localidade, ao tempo que fomentan actitudes creativas e hábitos saudables. Así mesmo, habilitarán un espazo como horto urbano de produtos ecolóxicos.

O programa Iniciativa Xove potencia o desenvolvemento de proxectos promovidos pola mocidade a través dos que se adquiren unha serie de destrezas, aptitudes e competencias transversais que lles van facilitar o seu acceso ao mundo laboral.

Os proxectos abordan distintas temáticas de interese para a mocidade como a promoción de hábitos saudables e a prevención de condutas de risco, a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, a inclusión social e laboral dos colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables, a valorización do patrimonio cultural, o desenvolvemento e dinamización do medio rural e a dinamización da lingua galega entre a xuventude, entre outras áreas prioritarias.

A Xunta de Galicia inviste preto de 400.000 euros para apoiar a posta en marcha dun total de 82 proxectos de grupos informais de mozos e mozas e entidades asociativas de ámbito autonómico e provincial.
Na provincia da Coruña se financian un total de 34 proxectos que supoñen un investimento de máis de 150.000 euros en iniciativas para a xuventude.

Data de actualización: 05/10/2018