Conde defende unha Galicia que avance a través do coñecemento e do talento para seguir impulsando a economía

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago ao III Premio Galicia de Xornalismo Científico que se celebra no Día da Ciencia na Comunidade galega e que gañou Manuel Vicente García

Destaca a importancia de poñer en valor o coñecemento galego e de impulsalo para contar con empresas máis competitivas, superar os retos do novo modelo produtivo e gañar en riqueza económica e benestar social

A Xunta avoga pola investigación e a innovación, por transferir o coñecemento ás empresas e ao mercado e por reter e captar talento a través de programas como Talento Sénior, as Unidades Mixtas e os Hubs de innovación dixital

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe no Día da Ciencia en Galicia a necesidade de seguir avanzando a través do coñecemento e do talento para conseguir unha Comunidade cada vez máis próspera. No acto de entrega do III Premio Galicia de Xornalismo Científico -que recaeu nesta edición en Manuel Vicente García-, Conde destacou que a ciencia e a aposta das rexións por impulsar o coñecemento e o talento é unha condición indispensable para contar con empresas máis competitivas, superar os retos do novo modelo produtivo e gañar en riqueza económica e benestar social.

Neste senso, o titular de Economía explicou que o Goberno galego está a orientar as súas políticas a impulsar a investigación e a innovación, a permitir que o coñecemento se transfira ás empresas e ao mercado e a reter e captar talento. Indicou que o papel da ciencia e dos investigadores é fundamental e, por iso, sinalou que a Xunta está a desenvolver programas para inculcar as vocacións STEM a través de iniciativas de apoio ao talento como Principia, Oportunius, Ignicia ou Talento Sénior; e está a favorecer a colaboración público-privada e a transferencia de coñecemento a través das Unidades Mixtas ou os Hubs de innovación dixital.

Conde, así mesmo, apelou á necesidade de que a ciencia saia dos laboratorios e chegue ás empresas e á sociedade para o que destacou que é necesario sumar esforzos e que a Administración, o coñecemento, o tecido empresarial e a sociedade, en xeral, camiñen na mesma dirección para conseguir unha Galicia innovadora e competitiva.

No Día da Ciencia en Galicia tamén indicou a importancia de saber reflexionar sobre a contribución galega neste eido; divulgar o legado dos científicos galegos; e poñer en valor o coñecemento, unha das chaves que permitirá abrir as portas cara unha Galicia máis próspera.

Para rematar, o conselleiro puxo en valor o traballo da Real Academia Galega das Ciencias por impulsar a promoción social do coñecemento e do Consello da Cultura Galega pola unidade didáctica dedicada a Domingo Fontán que vén de editar e que axudará a que os escolares galegos coñezan a súa figura.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/10/2018