A Xunta destaca en Ames a aposta da empresa Minervas Voice pola implantación da Industria 4.0 no eido cultural

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe esta compañía coruñesa, que ofrece contidos audiovisuais innovadores baseados nas TIC

Salienta o compromiso da compañía coa cultura e a formación mediante a posta en marcha dunha plataforma audiovisual e unha editorial en liña

O novo proxecto empresarial conta co apoio do programa Galicia Rural Emprende, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria promove a creación de novas pemes no medio rural que non se circunscriben a actividades agrícolas

A través das edicións dos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende do pasado ano a Xunta concedeu axudas que mobilizaron máis de 18M€ e permitiron a creación ou mantemento de 385 postos de traballo
 

Ames (A Coruña), 10 de outubro de 2018
  • whatsapp

O director do Igape, Juan Cividanes, subliñou hoxe na súa visita ás instalacións de Minervas Voice, en Ames, a aposta desta empresa polo desenvolvemento de iniciativas innovadoras no ámbito rural, mediante a posta en marcha de dous proxectos culturais baseados nas TIC cos que ofrecerá publicacións e contidos audiovisuais sobre a achega artística, científica e intelectual das mulleres que contribuíron de forma decisiva á evolución da humanidade.

Salientou tamén que a Xunta, mediante o programa Galicia Emprende, facilita axudas directas para impulsar os investimentos dos emprendedores e autónomos que crean novas empresas ou que as crearon en datas recentes. Esta liña de axudas, á que se acolleu a compañía editorial coruñesa, está deseñada para fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e para favorecer a xeración de emprego mediante a posta en marcha de proxectos non vencellados á produción agrícola.

Como apuntou Cividanes na súa visita, Minervas Voice, orientada a proporcionar unha oferta editorial, formativa e de entretemento innovadora, destaca pola súa aposta pola implantación da Industria 4.0 no eido cultural. Cualificada como iniciativa de base tecnolóxica, a partir da intelixencia artificial, big data e sistemas de recomendación, ofrecerá ao público contidos web e audiovisuais a través dunha única plataforma, así como unidades didácticas e libros mediante unha editorial en liña intelixente.

Ademais do programa Galicia Rural Emprende, pero sen focalizar a súa incidencia no ámbito rural, desenvólvese o Galicia Emprende. Ao abeiro destas iniciativas, o pasado ano a Xunta concedeu axudas por importe de 6,8 millóns de euros a 162 proxectos empresariais de emprendedores, que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociados a creación ou mantemento de 385 postos de traballo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2018