A Amtega pon en marcha o programa “Destino: Peme Dixital”, un itinerario formativo para a dixitalización de pemes, micropemes e autónomos

Foi presentado nunha xornada, inaugurada por Mar Pereira, que sinalou que a iniciativa busca poñer ao alcance do tecido empresarial galego tecnoloxías accesibles vinculadas ao seu negocio

O programa abarca tres iniciativas adaptadas ás realidades de cada negocio, DixitalOn, AceleraTIC e eLeaders
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2018.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) lanza o programa “Destino: Peme Dixital”, un itinerario formativo deseñado para que pemes, micropemes e autónomos coñezan as ferramentas e recursos para liderar a súa transformación dixital e mellorar a súa proxección de futuro.

O programa foi presentado hoxe nunha xornada inaugurada pola directora da Amtega, Mar Pereira, que sinalou que a dixitalización é un reto inaprazable que debe alcanzable para todos, especialmente en Galicia, onde máis do 96% das empresas teñen menos de 10 traballadores. De aí este conxunto de iniciativas para poñer ao alcance do tecido empresarial galego tecnoloxías accesibles vinculadas ao seu negocio que lles faciliten este proceso de transformación para ser máis competitivos.
A transformación dixital é unha carreira de fondo, onde os tempos e obstáculos non son os mesmos para un autónomo, unha micropeme ou unha peme. Consciente desta realidade, a Amtega lanza “Destino: PemeDixital”, un programa que abarca iniciativas adaptadas ás realidades de cada negocio, con tres tipos de actuacións, DixitalOn, AceleraTIC e eLeaders.

DixitalOn: Motivación para a Transformación Dixital

Un programa de actividades de capacitación en establecementos rurais galegos, durante estadías de fin de semana, dirixidos a autónomos e micropemes para explorar as motivacións de impulsar a transformación dixital dos seus negocios. Están programadas dúas estadías, no mes de novembro, do 9 ao 11 de novembro na Ribeira Sacra e do 23 ao 25 de novembro nas Fragas do Eume.

Desta forma, aproveitando o efecto tractor de experiencias de lecer no rural galego, desenvólvense actividades de sensibilización baseadas en dinámicas de grupo innovadoras, como Lego Serious Play y Visual Thinking xunto con visitas as instalacións de pemes que están acometendo procesos de dixitalización e coñecer in-situ os resultados.

O prazo de inscrición para a primeira estadía prevista é do 10 ao 23 de outubro a través da web do CDTIC, https://cdtic.xunta.gal/DixitalOn-RibeiraSacra, e do 10 de outubro ao 9 de novembro para a segunda das estadías https://cdtic.xunta.gal/DixitalOn-FragasDoEume. Tamén se poderán realizar inscricións a través do correo electrónico cdtic@xunta.gal .

AceleraTIC: Constrúe o camiño da transformación dixital

Un programa de actividades de formación dirixido a responsables dos niveles operativos das pemes, cuxo obxectivo é proporcionar as ferramentas precisas para construír unha folla de ruta que lles permita afrontar o desafío da transformación dixital, cun enfoque práctico e baseado en casos de éxito. As inscricións pódense realizar do 10 ao 21 de Outubro na web do CDTIC, https://cdtic.xunta.gal/aceleratic2018 ou do correo electrónico cdtic@xunta.gal

eLeaders ToDixital: Lidera a transformación dixital

Este programa formativo dirixido a persoal executivo que posibilite un cambio de “mindset” das empresas cara un pensamento “dixital” aliñado as necesidades estratéxicas. Este cambio debe ser impulsado por líderes que comprendan os cambios nos modelos de negocio e de xestión que requiren os procesos de transformación dixital. Este programa está previsto que se desenvolva no primeiro trimestre de 2019.

Xornada de presentación

Na xornada de presentación participou o experto en innovación e transformación dixital, Juan Luís Polo. Profesor do Instituto de Empresa Business School e socio fundador da axencia Good Rebels, Así mesmo, catro empresas galegas que actualmente xa están inmersas neste proceso de dixitalización, expuxeron as súas experiencias.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2018