O curso suma un total de 275 horas lectivas, das que 175 son de prácticas en empresas do sector que asinaron convenios coa administración galega
A Xunta forma como auxiliares de supermercado a 15 participantes na Estratexia de inclusión social de Galicia

O obxectivo é que adquiran as competencias que os capaciten para desenvolver unha profesión demandada polo mercado laboral

O Consorcio Galego de Benestar conta con 18 oficinas comarcais de inclusión socio-laboral, máis un equipo que opera no centro penitenciario de Teixeiro
 

Ponteareas (Pontevedra), 10 de outubro de 2018
  • whatsapp

Un grupo de 15 persoas, que participan na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, impulsada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e co-financiada polo Fondo Social Europeo, están a realizar un curso de auxiliar de supermercado no Concello de Ponteareas.

A formación, que comezou o pasado 17 de setembro e se estenderá ata o próximo 12 de decembro en horario de mañá e cun total de 275 horas, desenvólvese a través do equipo comarcal de inclusión socio-laboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en O Porriño.

Os 15 participantes no curso recibirán 175 horas prácticas de formación, gracias aos diferentes convenios subscritos con diferentes empresas do sector alimentario. As outras 100 horas de clase restantes -ata o total de 275-, serán teóricas.

Os contidos do curso xiran en torno á xestión eficaz na atención á clientela, tratando de proporcionar aos alumnos un coñecemento fondo das áreas de carnicería, chacinería, peixería, panadería e froitería, así como todas aquelas tarefas vinculadas á caixa e á reposición de alimentos.

A finalidade desta actuación é favorecer e posibilitar a inserción laboral, a través dunha capacitación que aumente as competencias profesionais dos participantes, de tal xeito que poidan desenvolver posteriormente unha profesión, adaptándose ás esixencias do mercado laboral.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta na actualidade con 18 oficinas comarcais de inclusión socio-laboral distribuídas por toda Galicia, ás que hai que sumar un equipo que opera no módulo 1 do centro penitenciario de Teixeiro no marco do programa Nelson Mandela, con internos que están a piques de obter a liberdade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2018