Un total de 54 adegas galegas recibirán axudas por 3,1 millóns de euros do programa de apoio ao sector vitivinícola español

O investimento global suporá a mobilización de 10,5 millóns de euros por parte do sector transformador galego do viño

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2018
  • whatsapp

Un total de 54 adegas galegas vanse beneficiar das axudas para investimentos dentro do programa de apoio ao sector vitivinícola español, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). Recibirán achegas por importe de 3,1 millóns de euros para un investimento total que se sitúa nos 10,5 millóns.

Así se aprobou na última xuntanza da Conferencia Sectorial e Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios celebrado esta semana na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en Madrid.

Estes fondos teñen gran importancia para impulsar o sector na nosa comunidade, xa que fomentan a introdución de melloras tecnolóxicas nos procesos de elaboración do viño por parte das diferentes adegas beneficiarias e repercuten, consecuentemente, nunha maior calidade do produto, reforzando así a fortaleza e prestixio dos viños galegos nos diferentes mercados.

Bens inmobles

Estas axudas son para a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como de maquinaria e equipamentos novos. Tamén se sufraga con estas subvencións a adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, a compra de patentes ou licenzas, e os honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade.

Así mesmo, con estas achegas búscase incentivar a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións; así como o emprego de procesos sostibles dende o punto de vista medioambiental, a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables e a valorización e tratamento dos residuos co fin de impulsar a certificación medioambiental das instalacións das empresas vitivinícolas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/10/2018