O Festival Internacional Galicreques programa 23 compañías de sete países co apoio da Xunta de Galicia

A Agadic subvenciona a 23ª edición deste evento, centrado na difusión do teatro de marionetas, que se desenvolverá do 13 ao 21 de outubro en Santiago

Ofreceranse máis de 50 funcións, con tres estreas absolutas e a presentación de 13 espectáculos inéditos en España
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018
  • whatsapp

O Festival Internacional Galicreques adiantou hoxe a carteleira completa da súa 23ª edición, que do 13 ao 21 de outubro programará en Santiago de Compostela máis de 50 funcións a cargo de 23 compañías de sete países. A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente o labor de difusión do teatro de monicreques que leva a cabo este evento, adxudicatario dunha das subvencións da convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional.

Jacobo Sutil, director da Agadic, participou nesta presentación xunto a Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e Jorge Rey, director artístico do festival que organiza cada ano a Asociación Cultural Barriga Verde. Na súa intervención, fixo fincapé nas máis de dúas décadas de traxectoria de Galicreques a prol do fomento e dignificación do xénero dos monicreques mediante unha programación que achega a Galicia “formatos, estilos e profesionais de todo o mundo, ao tempo que explora as posibilidades do teatro de bonecos cara ao público adulto”.

Sutil sinalou, así mesmo, que a través da axuda autonómica de preto de 26.500 euros da que o festival foi adxudicatario este ano, a Xunta “revalida a súa aposta” por Galicreques cos obxectivos de “favorecer a consolidación e a xestión profesional deste evento, coa súa conseguinte repercusión na dinamización cultural e económica da súa área; colaborar co intercambio artístico entre distintas técnicas e procedencias, así como coas actividades divulgativas que se inclúen, e apoiar os seus efectos para a creación e mantemento de novos públicos”, detallou.

A 23ª edición do festival ofrecerá tres estreas absolutas (Viaje a un país de..., coprodución de Títeres Cachirulo, Tres Tigres Teatro e Chachakün; Cantamos?, de Luis Vallecillo, e Home, de Mazzú Teatro), ademais 13 espectáculos que se presentan por vez primeira en España.

Xornada de clausura no Salón Teatro

Así mesmo e como novidade este ano, a programación espallarase por toda a cidade coa incorporación de novos escenarios aos xa habituais da Fundación SGAE, Teatro Principal e Centro Sociocultural de Santa Marta. En 2018 serán tamén espazos de exhibición outros seis centros socioculturais composteláns e a sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro, neste último caso para acoller o domingo 21 a xornada de clausura coa compañía mexicana Mano y Contramano e a montaxe El osos que no lo era. En canto aos espectáculos de rúa, haberá representacións nas prazas Roxa e das Praterías e na Alameda, que un ano máis acollerá a Carpa do Galicreques.

O programa de 2018 inclúe 23 compañías, das cales seis son galegas (Títeres Cachirulo, Títeres Brincadeira, Luís Vallecillo, Os Monicreques de Kukas, Fantoches Baj e Art-Monium). Do resto de España, chegarán compañías de Madrid (Mazzú Teatro), Valencia (Xarop Teatre) e Aragón (Teatro de Medianoche e Teatro Arbolé), mentres que do panorama internacional, Galicreques contará con formacións de Arxentina (Chachakün, Tres Tigres Teatro, Ulularia Teatro), Brasil (Sobrevento), Colombia (Arlequín y los Juglares), Ecuador (Titiritainas), México (Mano y Contramano), e Venezuela (La Pareja).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2018