O plan Digitalent ofrece 80 actividades ata decembro para achegar as profesións TIC aos máis novos

Este mes de outubro ábrese o prazo para ser Tecnólogo por un día e participar nas actividades NativosR e CreaR

Xa están en marcha as sesións de mentoring GirlStem e en decembro arrancarán DixiXogo, á que se sumarán GenTech e DXC Codes en xaneiro

É un plan integral que abrangue todo o rango de idades para reducir a fenda entre a demanda e a oferta de perfís profesionais dixitais
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018
  • whatsapp

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha a primeira edición do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, con máis de 80 actividades ata decembro que achegarán ás novas tendencias tecnolóxicas aos máis novos e reforzarán o atractivo vocacional das profesións neste eido a través de talleres lúdico-formativos, sesións de mentorado charlas ou accións informativas, nas que se implicará tamén ao seu círculo máis próximo (pais/nais, avós/avoas, titores, etc...).

DigiTalent formúlase como unha iniciativa aberta con achegas da propia Administración autonómica e dos axentes do ecosistema dixital, entre os que están as 12 empresas que en 2013 se adheriron ao Pacto Dixital da Xunta para impulsar o crecemento tecnolóxico da Comunidade. Responsables de Indra, Everis, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC Tecnology o Clúster TIC Galicia, reuníronse esta semana co equipo directivo da Amtega para pechar o calendario de actividades deste último trimestre do ano, que se centra nas actividades para os máis novos.

Impulso das vocacións STEM

Aínda que un 50% dos alumnos galegos matriculados en bacharelato cursan a rama de ciencia e tecnoloxía, a maioría non chega a matricularse nunha carreira STEM (estudos científicos, tecnolóxicos, en Enxeñarías ou Matemáticas). Por iso o primeiro eixo do Plan contempla diferentes iniciativas para fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnoloxías entre a poboación máis nova, especialmente entre as mozas con iniciativas específicas como GirlStem mentoring, en colaboración con Agasol, xa en marcha con charlas de profesionais das TIC de recoñecido prestixio que están a achegar a súa experiencia a nenas de entre 14 e 18 anos e que se están a impartir desde o 21 de setembro ata o 19 de outubro.

Para mostrar o atractivo das profesións STEM nas etapas escolares Tecnólogo por un día ofrecerá a rapaces e rapaces, de entre 12 e 17 anos, a oportunidade de experimentar en primeira persoa a xornada laboral dun profesional do sector. Desde o 17 de outubro os interesados en participar poderán inscribirse a través da web da Amtega. https://amtega.xunta.gal/digitalent.

Tamén este mes comezan as iniciativas coas que o operador R colabora en DigiTalent, CreaR e NativosR. A primeira consistirá en talleres de 3 horas de duración para nenos e nenas de 7 a 13 anos para crear prototipos tecnolóxicos que entre os meses de outubro e novembro chegarán a sete concellos galegos. A segunda está destinada a pais, nais, avós, avoas ou titores para achegarlles a través de talleres os novos termos do contexto dixital e desbotar o mito de que os nativos dixitais teñen competencias para usar a tecnoloxía só por nacer no actual contexto dixital. Estas actividades darán comezo o vindeiro 13 de outubro e desenvolverase ata finais de ano.

A estas actividades súmase Digitalia, que este ano incorporou actividades e obradoiros TIC aos obradoiros de verán, nos que participaron 40 rapaces e rapazas que aprenderon a crear a manexar drons e as técnicas do videomapping, Tamén se desenvolveu TechKids, en colaboración co Colexio Profesional de Informática de Galicia, no que máis de 600 rapaces e rapazas de toda Galicia participaron en talleres sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos nas Aulas CeMIT da Comunidade.

En decembro Iecisa porá en marcha DixiXogo, para que rapaces e rapazas de 6 a 14 anos adquiran habilidades dixitais a través de talleres formativos con temática tipo Lego Mindstorms. Ademais, en xaneiro DXC iniciará os titoriais DXC Codes sobre programación scratch, acompañados de charlas divulgativas e competicións por equipos con entrega de premios e Altia comezará a impartir, no marco da súa iniciativa GenTech, talleres a estudantes de bacharelato nos que se presentarán proxectos de base tecnolóxica para dar a coñecer as profesións dixitais.

Menos do 10% dos galegos se matriculan en carreiras STEM

Actualmente en Galicia só o 9,3% dos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito STEM. Unhas cifras que contrastan coa alta empregabilidade dos profesionais do ámbito dixital. Só na Comunidade o sector tecnolóxico mantivo una taxa de emprego estable en torno ao 1,6%, batendo o seu récord de emprego en 2016 con máis de 16.000 traballadores.

Por estes motivos DigiTalent busca reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral.Nesta primeira edición ofértanse máis de 2.500 prazas para a trintena de actividades do Plan, que se desenvolverá anualmente.

DigiTalent abrangue o ciclo vital da persoa: a infancia, con medidas para espertar as vocacións TIC desde idades temperás; a xuventude con actuacións para facilitar a especialización e a madurez, ofrecendo capacitación especifica para perfís directivos. O portal da Amtega ofrece información actualizadas actividades en marcha https://amtega.xunta.gal/digitalent.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2018