A extinción do lume de Mondariz supuxo un custe superior aos 100.000 euros e mobilizou máis de 350 persoas

Así o destacou o conselleiro do Medio Rural durante a súa visita á zona afectada, para poñer de manifesto a gravidade do ocorrido, tendo en conta que todo indica que o incendio foi intencionado

José González apostou por intensificar os labores de investigación do sucedido, para poñer a disposición xudicial ao responsable de causar o lume, e reclamou “tolerancia cero” cos incendiarios

Salientou o bo facer dos profesionais que loitaron contra o lume e que en tan só 13 minutos xa estaban actuando na zona, incluído un helicóptero coa súa correspondente brigada
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018
  • whatsapp

O custe estimado da extinción do incendio rexistrado o pasado domingo en Mondariz (parroquias de Sabaxáns e Gargamala), e que puxo en perigo os núcleos de Barro e Barral, superou os 100.000 euros. Para extinguir este lume foi preciso mobilizar un total de 363 persoas, entre efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais e persoal de emerxencias (axentes da Policía Autonómica, bombeiros comarcais, voluntarios de Protección Civil, etc.).

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe estes datos para poñer de manifesto a gravidade do ocorrido, tendo en conta, ademais, que todo indica que o lume foi intencionado e que foi preciso declarar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación. Por iso engadiu que cómpre intensificar os labores de investigación do sucedido, para poñer a disposición xudicial ao responsable ou responsables do incendio, e neste sentido reclamou “tolerancia cero” cos incendiarios.

O titular de Medio Rural salientou tamén o bo facer dos profesionais que participaron no operativo. Neste sentido, lembrou que a alerta do lume chegou dun punto de vixilancia da consellería e que tan só 13 minutos despois do aviso os medios xa estaban actuando na zona, incluído un helicóptero coa súa correspondente brigada. Indicou, así mesmo, que só no primeiro día de actuación os helicópteros mobilizados realizaron ata 88 descargas en tan só hora e media (o lume empezou ás 18,17 horas e tiveron que retirarase co ocaso), o que supuxo un volume de máis de 111.000 litros de auga.

Medios humanos e materiais

En conxunto, na extinción do incendio participaron 3 técnicos, 20 axentes, 47 brigadas terrestres e 10 helitransportadas. Os medios materiais mobilizados foron 33 motobombas, 5 pas, 1 tractor, 10 helicópteros e 2 avións, ademais de instalar un posto de mando avanzado na zona. O lume afectou 159 hectáreas, das cales 89 son de monte raso e 70 de arborado, sendo preciso declarar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos habitados e mesmo houbo que desaloxar uns 60 veciños, que foron levados á igrexa parroquial de Gargamala.

Nesta visita, o conselleiro informou ademais de que Mondariz foi un dos concellos nos que máis repeticións de lumes houbo neste mes de outubro (ata seis incendios en sete días). De feito, durante a extinción deste lume, e cando xa estaba decretada a Situación 2, rexistrábase un novo incendio na parroquia de Riofrío, que quedou en conato grazas á rápida intervención do dispositivo de extinción.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 11/10/2018