Visto e prace do Consorcio Casco Vello de Vigo ao proxecto de rehabilitación do edificio da rúa Cruz Verde 12

Esta última actuación conta cun orzamento de 344.000 euros e un prazo de execución, toda vez que se inicien as obras, de doce meses

O delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, advirte dunha futura parálise da actividade do ente se o Concello non cumpre coa activación da vía da expropiación

Asegura que o organismo rehabilitador conta cun remanente de 6 millóns de euros para a compra de novos inmobles e cifra en cinco as edificacións bloqueadas
 

Vigo, 11 de outubro de 2018
  • whatsapp

O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo vén de aprobar a contratación do proxecto de rehabilitación de Cruz Verde 12, tal e como informou o presidente do ente rehabilitador e delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves.

Segundo dixo, a contratación deste proxecto, adoptado pola modalidade do procedemento aberto simplificado, inicia o proceso para a creación de dúas novas vivendas de tres habitacións e un local comercial. Unha actuación que se suma a outras intervencións anteriores e a que se está a realizar no número 8 desta mesma vía. O orzamento é de 344.141,76 euros e o prazo de execución, unha vez que se inicien as obras, de doce meses.

O edificio na súa orixe estaba formado por planta baixa e tres pisos e sitúase sobre unha parcela de aproximadamente 85 metros cadrados. Tras a súa compra en xuño de 2016, o CCVV tivo que proceder ao baleirado interior dado o seu mal estado de conservación, polo que o proxecto agora aprobado consiste na súa rehabilitación integral para adecualo ás condicións de salubridade, hixiene, illamento e seguridade mínimas necesarias. Para iso, procederase á modificación da súa volumetría orixinal a fin de adecuala á normativa actual, contemplándose o cambio de configuración da cuberta, que pasa a ser a dúas augas, e a diminución do fondo construído, que se reduce aos doce metros.

Segundo o novo deseño arquitectónico, a planta baixa acollerá un local comercial e a zona de acceso común ás vivendas. No primeiro andar e na parte de diante da segunda planta crearase unha vivenda unifamiliar de tres estancias, en tanto que a parte posterior da segunda planta e a totalidade da terceira acollerán outra vivenda unifamiliar, tamén de tres estancias.

Os traballos contemplan tamén a cimentación dos piares metálicos e do foso do ascensor; a modificación da soleira (para o seu correcto illamento) e a canalización das instalacións necesarias; unha nova estrutura en todos os pisos a base de forxados de chapa sobre vigas metálicas; unha cuberta de tella de acordo coa volumetría fixada no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI); o levantamento dunha nova fachada traseira, cos ocos necesarios para a ventilación e iluminación das habitacións; e a rehabilitación da fachada a Cruz Verde, que inclúe a reposición da galería do terceiro andar e das carpintería de madeira.

Vía da expropiación

O representante autonómico aproveitou unha vez máis para reclamarlle ao Concello de Vigo a activación da vía da expropiación, pendente desde maio de 2017. López-Chaves matizou que esta alternativa é unicamente aplicable nos inmobles que se atopan no marco do Plan de Actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo e que abranguen a zona alta. Segundo cifrou, “estaríamos a falar concretamente de cinco edificacións”, as correspondentes a Ferrería 1, Abeleira Menéndez 14, San Sebastián 20 e Subida ao Castelo 9 e 11, “nas que doutro xeito non poderíamos actuar” dixo.

Ao fío, o delegado territorial lamentou que o organismo rehabilitador non poda seguir comprando inmobles co remanente de 6 millóns de euros do que dispón, ao tempo que advertiu dunha futura parálise da actividade do ente se o Concello non firma o seu acordo. “O Consorcio non ten capacidade expropiadora, pero a Administración local si e, de non aplicala, sería responsable da paralización da actividade”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2018