A Xunta fomenta a prevención de riscos laborais entre as mariscadoras, percebeiras e redeiras a través de talleres de formación

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA, está a organizar obradoiros teórico-prácticos sobre riscos musculoesqueléticos en Malpica, Lourizán, Redondela, A Guarda e Cambados

O obxectivo é que as traballadoras do sector da pesca artesanal poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións de seguridade e saúde laboral

Nos talleres impártense técnicas para minimizar os riscos ergonómicos derivados principalmente das posturas, movementos repetitivos e da manipulación de cargas

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está a fomentar a prevención de riscos laborais e as boas prácticas no traballo entre os profesionais do sector da pesca artesanal -nun 90% as mulleres- como son as mariscadoras a pé, as percebeiras e as redeiras. Para iso, estanse a impartir ao longo desta semana talleres teórico-prácticos dirixidos a evitar ou minimizar os trastornos musculoesqueléticos.

O obxectivo desta iniciativa, que se está a desenvolver ata mañá en Malpica, a parroquia de Lourizán, en Pontevedra, Redondela, A Guarda e Cambados, é que as traballadoras poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións de seguridade e saúde laboral. Co contido que se está a impartir a través dos talleres búscase minimizar os riscos ergonómicos presentes na actividade destas mulleres que son derivados principalmente das posturas, movementos repetitivos e da manipulación de cargas.

As alumnas disporán de todo o material didáctico nunha plataforma formativa, xa que a formación está orientada a que elas continúen aplicando os exercicios na súa casa.

Para desenvolver as accións formativas, a Asociación Mar Seguro, coa que a Xunta colabora nesta actividade, conta cun equipo de profesionais formado por técnicos en prevención de riscos laborais e fisioterapeutas.

Esta actuación complementa o labor que desenvolve o ISSGA tanto co sector da pesca como coas actividades cunha alta presenza de mulleres e os autónomos para favorecer a detección de enfermidades profesionais ou patoloxías laborais propias de cada actividade laboral. Entre as actividades que leva a cabo o Instituto destacan diferentes campañas informativas ou un programa de recoñecementos médicos específicos. A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020 e no Plan de actividades do ISSGA 2018.

Data de actualización: 18/10/2018