A Xunta sinala que o obradoiro Labora Xove 2018 incrementará as oportunidades laborais dos menores de 30 anos de Vilagarcía

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na apertura do programa mixto de formación e emprego

Os alumnos e alumnas cualificaranse en socorrismo en espazos acuáticos e en atención ao cliente ao tempo que traballarán durante 6 meses nestas especialidades

A Xunta mantén o seu compromiso cunha formación adaptada aos novos perfís profesionais e ás demandas reais do tecido empresarial investindo este ano 135 millóns de euros tanto en cualificación como en orientación
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de outubro de 2018
  • whatsapp

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na apertura do obradoiro de emprego de Vilagarcía Laboral Xove 2018 a través do que 16 menores de 30 anos cualificaranse en socorrismo en espazos acuáticos e en atención ao cliente, ao tempo que traballarán nestas especialidades durante 6 meses. A Xunta apoia este programa mixto de formación e emprego cunha axuda de preto de 155.000 euros.

Marnotes explicou que Galicia contará, en 2018-2019, cun total de 105 obradoiros de emprego, para impulsar a empregabilidade de 2000 persoas na Comunidade.

En concreto, o Goberno galego destina un 25% máis que no período anterior. Por unha banda, son 23 obradoiros para menores de 30 anos, como o que se inaugurou hoxe en Vilagarcía, aos que se destinan 3,4 millóns de euros; e, doutra banda, invístense un total de 23,26 millóns de euros para a celebración dos obradoiros duais nos que participan máis de 1600 alumnos dos 206 concellos beneficiarios.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, e terán a posibilidade de optar a un contrato en prácticas de alo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: Trátase de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral.

O obxectivo desta iniciativa, tal e como apuntou Marnotes, é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación. Así, o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial. O director xeral indicou, así mesmo, a importancia da colaboración institucional para contar cunha Comunidade máis competitiva e con máis capacidade para crear riqueza.

Data de actualización: 19/10/2018