Unha exposición na Fundación Eugenio Granell amosa o traballo dos finalistas de deseño de xoias do programa Xuventude Crea

Esta iniciativa é unha plataforma de expresión das inquedanzas artísticas da mocidade galega que comprende as especialidades de deseño de xoias, ‘skate’ e ‘graffiti’, teatro, fotografía e artes plásticas ou moda entre outras

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2018
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurou hoxe na Fundación Eugenio Granell de Santiago a exposición dos nove proxectos finalistas da especialidade de deseño de xoias do programa Xuventude Crea, organizado pola Xunta de Galicia, e que poderá visitarse ata o vindeiro 3 de novembro.

A mostra, aberta de martes a sábado, permitirá coñecer as coleccións dos nove finalistas: María Espasandín Miranda (Santiago) coa colección Estructuras de vida; Alexandro Castañón Vilariño (Santiago) coa obra Ferida; Esperanza García Ponte (Santiago) co proxecto Contrastes; Adriana Rivas Seijo (Pontecesures) coa colección Tranxgresión; Carmen Álvarez Rodríguez (A Coruña) con Korali; Maruxa Fernández González (Oroso) coa obra Denantes morta que sinxela; Dana Rodríguez Justo (Soutomaior) con Atómico; Fernando Sanmartín Chapela (Marín) coa colección Orixe e Lara Bande Huri (Cambados) co proxecto Cestería.

Xuventude Crea é unha plataforma de expresión das inquedanzas artísticas da mocidade galega e plasma a aposta da Xunta polo desenvolvemento das persoas mozas, polo establecemento de instrumentos de apoio á creatividade da xuventude, o seu talento, habilidades e capacidades. Cecilia Vázquez destacou que “esta exposición é un exemplo de unión de esforzos e medios entre a Xunta de Galicia e a Fundación Eugenio Granell para ofrecer á xuventude ferramentas para o desenvolvemento das súas capacidades creativas e que sirvan como ampliación das súas oportunidades”.

A directora xeral recordou que ao longo dos meses de novembro e decembro descorrerán as fases finais doutras especialidades do programa. Así, o vindeiro sábado 3 de novembro, a vila de Betanzos acollerá a final de música na que actuarán os seis grupos finalistas; as especialidades de skate e graffiti serán as protagonistas o sábado 10 de novembro no albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo) coa representación en directo dos proxectos finalistas; a Casa da Cultura do concello de Serra de Outes será o escenario das seis representacións finais da especialidade de teatro, do 14 ao 16 de novembro; a igrexa da Universidade de Santiago acollerá na segunda quincena do mes de novembro a exposición dos proxectos finalistas das especialidades de fotografía e artes plásticas e a Cidade da Cultura acollerá na primeira quincena do mes de decembro a exposición das coleccións finalistas da especialidade de moda.

Os premios por cada especialidade serán 3.000 euros para o proxecto gañador, 1.500 euros para o segundo e 1.000 euros para o terceiro. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra sen dotación económica.

Na edición do 2018 presentáronse un total de 257 proxectos individuais e en grupo, para as trece especialidades previstas: teatro, cociña, música, artes plásticas, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación, graffiti e skate. Están a participar un total de 357 mozos e mozas galegos, ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/10/2018