A conselleira salienta que é a infraestrutura viaria da provincia de Lugo que recibe maior investimento da Xunta nos orzamentos de 2019, cunha partida de 1 millón de euros e a consignación de 16 millóns nos exercicios futuros
Ethel Vázquez avanza a licitación o vindeiro ano da conversión en autovía da VAP Sarria-Monforte entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro para iniciar a súa execución no 2020

Vázquez Mourelle amosou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta coa conversión en autovía deste treito da vía de altas prestacións

Lembra o esforzo realizado a prol desta infraestrutura estratéxica para a mobilidade do sur da provincia, á que se destinou en plena crise 135 M€

Explica que o inicio da ampliación do treito de 11,5 KM, entra A Pobra de San Xiaio e Sarria centro se xustifica no incremento das súas taxas anuais de tráfico de ata 5 veces maior que no conxunto da rede autonómica.

Repasa todo o traballo realizado desde a contratación da redacción do proxecto ata o recente sometemento a información pública, que segue a avanzar agora coa redacción do proxecto e actualización da declaración de impacto ambiental

Santiago de Compostela, 20 de xuño 2018
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación o vindeiro ano da conversión en autovía da vía de altas prestacións Sarria-Monforte, no tramo entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, para iniciar a súa execución no 2020.

Vázquez Mourelle interveu hoxe no Parlamento de Galicia onde salientou a aposta pola vía de altas prestación Sarria-Monforte, infraestrutura viaria da provincia de Lugo que recibe o maior investimento da Xunta nos orzamentos de 2019, cunha partida de 1 millóns de euros e a consignación de 16 millóns nos exercicios futuros.

Asegurou que a aposta da Xunta pola conversión en autovía da VAP Nadela-Sarria non ten marcha atrás, e amosou o compromiso claro coa conversión en autovía do treito da vía de altas prestacións entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro.

Defendeu o esforzo realizado a prol desta infraestrutura estratéxica para a mobilidade e a vertebración de toda a zona sur da provincia de Lugo, que se traduciu en que en épocas de crise a Xunta teña destinado máis de 135 M€ á vía de altas prestacións Sarria - Monforte para pechar o percorrido entre Lugo e Monforte a través desta vías.

Explicou que a ampliación se inicia polo desdobramento desta vía de altas prestacións, no treito de 11,5 KM, entra A Pobra de San Xiaio e Sarria centro. Actuación, engadiu, que se xustifica no incremento do tráfico nesta vía, cunhas taxas anuais de crecemento en 2016 e 2017 cinco veces maior aos da rede viaria da Xunta, vías de titularidade autonómica que viron diminuír nun 21% a súa intensidade media diaria de tráfico nos anos de crise.

Amosou a aposta clara do Goberno da Xunta pola mellora das comunicacións do interior de Galicia, e en particular da provincia de Lugo. E neste sentido incidiu que é precisamente agora o momento que mellor explica a necesidade de iniciar o desdobramento desta vía, proxectada baixo criterios que xustifican a ampliación da capacidade deste treito, e cando as dispoñibilidades orzamentarias así o permiten.

A titular do departamento de Infraestruturas sinalou que xa ten o traballo adiantado, no 2017 contratouse a redacción do proxecto de trazado, impacto ambiental e proxecto construtivo do desdobramento entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro. E entre xuño e xullo deste ano someteuse a información pública o proxecto de trazado.

Ethel Vázquez tamén dixo que nestes momentos se continúa coa redacción do proxecto e está prevista unha actualización da declaración de impacto ambiental. Feita toda a tramitación administrativa, engadiu, se poderá licitar a obra, xa no vindeiro ano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/10/2018