Cetmar participa en Chile no IV Sibecorp e na reunión para definir o futuro da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira

Dúas técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar viaxan a Iquique para asistir ao IV Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras, que se celebra desde mañá ata o 9 de novembro

A Fundación galega colabora na organización do simposio a través da Rede INVIPESCA como responsable da secretaría técnica, unha actividade financiada pola Consellería do Mar
 

Vigo, 4 de novembro de 2018

Cerca dun cento de científicos de España, Chile, Brasil, Arxentina, Colombia, Perú, Uruguai e México reuniranse a vindeira semana na cuarta edición do Simposio Iberoamericano de Ecoloxía Reprodutiva, Recrutamento e Pesqueiras que terá lugar na cidade chilena de Iquique coa participación da Fundación CETMAR.

A Universidad Arturo Prat e o Instituto de Fomento Pesquero (IFOP) de Chile organizan o SIBECORP co apoio da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira, INVIPESCA. Como responsable da secretaría técnica desta rede, o Centro Tecnolóxico do Mar vén traballando dende hai meses xunto ao comité organizador nos preparativos deste encontro, que terá lugar desde mañá ao 9 de novembro na cidade de Iquique.

O cambio climático será o eixo fundamental desta cuarta edición do SIBECORP, que se inaugurará o mañá luns, e que se desenvolverá en catro sesións temáticas e un taller. Está prevista a presentación de máis de corenta resumos sobre estratexias reprodutivas dos organismos acuáticos; o potencial reprodutivo e as causas da súa variación; os procesos de recrutamento e a utilidade dos estudos sobre a bioloxía reprodutiva na avaliación e xestión pesqueira.

Cada unha das catro sesións irá precedida dun relatorio de apertura sobre diferentes efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños. O programa do simposio complétase cun taller sobre peláxicos pequenos que terá lugar o día 9 e coa presentación de pósteres, un total de 27, que serán expostos os días 6 e 7.

Paralelamente á celebración do IV SIBECORP, a Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira INVIPESCA ten prevista a celebración de dous encontros. Nunha primeira reunión, á que están convocados os membros da Rede –investigadores dunhas 30 institucións de 14 países-, analizarase a súa evolución e a situación actual e abordarase a estratexia de futuro cara a consolidar esta iniciativa.

O segundo encontro, que terá lugar o día 7 e que estará aberto a todos os participantes no IV SIBECORP, servirá para dar a coñecer os obxectivos, actividades e instrumentos de INVIPESCA co fin de ampliar a Rede e fortalecela de cara ao futuro.

A Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira nace en 2009 coa vocación de converter a investigación pesqueira iberoamericana nun referente mundial, dada a diversidade e importancia social, económica e cultural da actividade pesqueira nestes países, e a relación histórica que existe entre eles. Dende entón, a Fundación CETMAR ven traballando como secretaría técnica de INVIPESCA con financiamento da Consellería do Mar.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 04/11/2018