A Axega e o Instituto Tecnolóxico Galego colaborarán no desenvolvemento e innovación de recursos e sistemas para a xestión das emerxencias

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, mantivo hoxe un encontro con técnicos do ITG para sentar as bases do novo marco de cooperación cuxo obxectivo é a creación de produtos que contribúan aumentar as posibilidades de éxito en situacións extremas

Como primeira operadora a nivel nacional de drons en servizos de emerxencia, a AXEGA porá ao servizo do Instituto a súa experiencia no uso desta tecnoloxía, así como o material necesario para facer ensaios e probas

A Estrada (Pontevedra), 03 de novembro de 2018

A Axencia Galega de Emerxencias e o Instituto Tecnolóxico Galego (ITG) colaborarán para o desenvolvemento e innovación dos recursos e sistemas para a xestión das emerxencias. Este foi un dos primeiros avances dunha reunión celebrada nas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia entre o xerente da AXEGA, Marcos Araújo e a directora da Área de Sensórica e Comunicacións do ITG, Analía López, e o responsable técnico deste departamento, Marco González, na que se sentaron as bases dun novo marco de cooperación para a posta en marcha de proxectos e produtos que contribúan a aumentar as posibilidades de éxito en situacións extremas.

Durante o encontro, Marcos Araújo recordou que a AXEGA foi a primeira entidade a nivel nacional que comezou a usar os drons en servizos de emerxencias, polo que esta experiencia pode ser de moita axuda para o estudo e desenvolvemento de novos sistemas de aplicación na xestión das emerxencias. Deste xeito, comprometeuse a pór aos servizo dos arquitectos e enxeñeiros do Instituto a tecnoloxía e o material necesario para facer as probas e ensaios que certifiquen a funcionalidade dos futuros produtos e proxectos.

Do mesmo xeito, a directora da Área de Sensórica e Comunicacións destacou o traballo realizado no seo do ITG para o desenvolvemento da intelixencia artificial e software aplicable á xestión operativa de drons, de forma que existen importantes sinerxías entre ambos os dous organismos que cómpre aproveitar en beneficio da innovación tecnolóxica nas emerxencias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/11/2018