O obradoiro de emprego de Melide e Boimorto achega formación a 20 desempregados ao tempo que realizan melloras no Camiño de Santiago

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou que, como novidade dos obradoiros duais, 10 dos participantes contarán cun contrato en prácticas de polo menos tres meses nunha empresa da zona

Nesta edición, celébranse en toda Galicia máis de 100 obradoiros, cun orzamento que supera os 26 millóns de euros e coa participación de máis de 2000 alumnos

A Xunta destinará o vindeiro ano 145 millóns de euros á formación, dándolle prioridade aos programas que se adaptan aos novos perfís profesionais
 

Melide (A Coruña), 5 de novembro de 2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Melide o obradoiro dual de emprego que co apoio da Xunta este concello desenvolve xunto con Boimorto, e no que 20 persoas desempregadas de ambos municipios contan cun contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses ao tempo que realizan melloras no entorno do Camiño de Santiago.

Tal e como explicou Conde, a principal novidade da modalidade dual dos obradoiros permite que 10 dos participantes desta iniciativa, centrada na xardinería, conten, unha vez finalizado o período inicial de nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada na zona, e cunha actividade vinculada ás materias nas que se están formando. Búscase así combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral.

Conde, que salientou que o Camiño de Santiago é unha actividade fundamental para a economía das comarcas de Melide e Arzúa e que se primaba coa convocatoria deste ano dos obradoiros de emprego, incidiu en que a Xunta é consciente da necesidade de apostar pola conservación e posta en valor de espazos naturais das rutas de peregrinación que atravesan ambos concellos. Así, en Melide adecúase o espazo fronte aos centros socioculturais de Furelos e San Martiño, e en Boimorto actúase na zona axardinada no entorno do punto de atención á infancia; a residencia de persoas maiores e o centro de día; centro médico e centro social municipal de maiores.

Nesta edición, celébranse en toda Galicia máis de 100 obradoiros, cun orzamento que supera os 26 millóns de euros, e coa participación de máis de 2000 alumnos, sumando tanto os obradoiros duais como os específicos para persoas mozas.

Durante a visita, o conselleiro fixo fincapé en que para impulsar a formación e o acceso ao mercado laboral é fundamental a colaboración cos concellos, e en especial cos 106 concellos emprendedores cos que conta hoxe Galicia, entre os que se atopa Melide. Do mesmo xeito, sinalou que a formación ten que xogar un papel central, e así, nos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o vindeiro ano dedícanselle 145 millóns de euros, dándolle prioridade aos programas formativos que se adapten aos novos perfís profesionais que demandan as empresas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/11/2018