Máis de 7.000 familias galegas beneficiaranse este ano dos programas de vivenda da Xunta

A conselleira de Medio Ambiente defende no Parlamento as medidas impulsadas polo Goberno galego neste eido co fin de adaptar as súas políticas á nova realidade socioeconómica e ás necesidades actuais dos cidadáns

En materia de vivenda protexida, salienta que o seu departamento ten en construción ou en rehabilitación case 160 inmobles cun investimento de 22 millóns

Asegura que os tres grandes eixes que guían a actuación da Xunta son o impulso á creación de máis vivenda protexida, a aposta polo alugueiro en atención ao número crecente de demandantes e o apoio aos colectivos máis desfavorecidos

Galicia será o próximo ano unha das comunidades coa tributación máis baixa no que respecta á compra de inmobles usados grazas á rebaixa do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais anunciada pola Xunta na presentación dos orzamentos
 

  • whatsapp

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2018-. Máis de 7.000 familias galegas beneficiaranse este ano dalgunhas das medidas impulsadas pola Xunta co fin de mellorar e facilitar o acceso á vivenda na comunidade. Así o asegurou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que compareceu no Parlamento para explicar as liñas de actuación do seu departamento en materia de vivenda protexida e algunhas das novidades que se porán en marcha o próximo ano.

Neste sentido, os tres grandes eixes que guían as políticas de vivenda da Xunta, segundo detallou a conselleira, son o impulso á vivenda protexida, a través tanto de nova construción como pola vía da rehabilitación, a aposta polo alugueiro en resposta á tendencia actual de incremento da demanda desta modalidade, e o compromiso cos colectivos máis desfavorecidos para garantirlles o acceso a axudas cando estean afectados por procesos de desafiuzamento.

Así, Vázquez Mejuto referiuse ao impacto que están a ter na actualidade estas políticas, con case 160 vivendas protexidas en marcha nestes momentos: 129 de nova construción e 28 máis que están a ser rehabilitadas para poñelas a disposición dos cidadáns cun investimento de 22 millóns. Este dato reflicte, en palabras da conselleira, que o Goberno galego segue a apostar pola vivenda de promoción pública, poñendo o foco nas grandes cidades onde a demanda é maior, pero tamén con programas e axudas específicas nos concellos pequenos.

De cara ao vindeiro ano, a conselleira explicou que o seu departamento seguirá na mesma liña de actuación, apostando por unhas políticas de vivenda que responden e se adaptan á actual realidade social e económica e ás novas demandas da sociedade galega, co obxectivo de que a cifra de familias ás que se chegou en 2018 siga incrementándose. Con este obxectivo, lembrou que o orzamento total da consellería para atender as súas competencias en materia de vivenda, solo residencial e empresarial roldará os 120 millóns de euros, un 2,7% máis que o este ano.

Concretamente e co fin de poñer a disposición dos cidadáns máis vivendas de protección, referiuse aos preto de 20 millóns de euros que se mobilizarán nos orzamentos de 2019 para a construción de novos inmobles, axudas á adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes ou a promoción e o desenvolvemento de solo residencial para seguir ampliando o parque de vivendas protexidas.

En materia de rehabilitación, un aspecto para o que nos orzamentos do próximo ano se reservan case 36 millóns de euros, Vázquez Mejuto explicou que seguirá sendo unha vía importante de actuación a través de programas como o Rexurbe para lograr incorporar ao parque de vivendas dispoñibles, inmobles actualmente baleiros e que están localizados principalmente en núcleos históricos.

En canto ás políticas de alugueiro, a titular de Vivenda explicou que nestes momentos todos os indicadores apuntan a que a tendencia actual é que os cidadáns se inclinen máis por vivir en réxime de aluguer. En resposta a esta demanda, a Xunta seguirá fomentando o alugueiro a través da mobilización de vivendas desocupadas para incorporalas ao actual parque público de inmobles en réxime de aluguer e á vez, articulará axudas a promotores, concellos e cooperativas para que se animen a construír vivendas en alugueiro cunha obriga de destino de 25 anos, un programa dotado con 2,3 millóns en 2019.

Por último, a conselleira reafirmou o compromiso da Xunta coas políticas e os programas dirixidos a garantir o acceso a unha vivenda digna aos colectivos máis desfavorecidos. En concreto, referiuse aos afectados por desafiuzamentos, dándolle continuidade ás 12 medidas pensadas especificamente para atender estes casos e dotadas con 2,6 millóns de euros, e mantendo en funcionamento o Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias e o Bono de Alugueiro Social (que disporá en 2019 de 2,2 millóns).

Novidades fiscais

Así mesmo, Ángeles Vázquez tamén se referiu a unha importante novidade fiscal prevista nos orzamentos da Xunta de 2019: a rebaixa do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais para a compra de vivenda usada para uso habitual. Esta taxa pasará do 8% ao 7% neste tipo de transaccións e en caso de que o comprador poida acreditar a súa condición de familia numerosa, sexa unha persoa con discapacidade ou teña menos de 36 anos a rebaixa pasará do 4% ao 3%.

Con esta revisión fiscal, a conselleira estimou que aproximadamente uns 10.000 galegos pagarán cada ano menos impostos ao acceder a unha vivenda destas características, unha medida que converterá a Galicia, dixo, nunha das comunidades coa tributación máis baixa neste eido.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2018