A conselleira de Política Social explicou hoxe no pleno do Parlamento as medidas levadas a cabo pola Xunta para incrementar a atención á dependencia en Galicia
Fabiola García apunta que “2019 será o ano do incremento das contías nas axudas de dependencia que perciben as familias”

Máis de 19.000 persoas beneficiaranse dun incremento de entre o 10% e o 75% nas achegas para coidados na contorna familiar, para contratar un asistente persoal ou para contribuír ao pago dunha praza na residencia que elixa o solicitante

Galicia atende hoxe a preto do 87% das persoas con dependencia recoñecida, nove puntos por riba da media nacional
 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou hoxe no pleno do Parlamento que “se o 2018 foi o ano do incremento da cobertura de atención á dependencia, o 2019 será o ano do incremento das contías que perciben as familias”. Neste sentido, explicou que esta medida beneficiará a unhas 19.000 persoas que percibirán un 10% máis de axuda para coidados na contorna familiar e un 15% máis para contratar un asistente persoal. Así mesmo, tamén se incrementará a contía do Bono Autonomía en Residencia nun 20% para as dependencias de grao I e III e ata un 75% para as de grao II.

Durante a intervención, a conselleira destacou que Galicia rexistra na actualidade unha cifra récord en atención a persoas dependentes ao superar as 58.500, catro veces máis que en 2009. Ao respecto, Fabiola García explicou que a nosa comunidade está nove puntos por riba do conxunto de España en materia de dependencia cun 86,8% de cobertura, ao tempo que avogou por continuar adiante co traballo que se está a desenvolver para aumentar o número de persoas que reciben prestación. De feito, a previsión é rematar o presente exercicio con 60.000 dependentes atendidos, cumprindo así en soamente dous anos un obxectivo que se fixou para a totalidade da lexislatura.

Ademais, deu conta das novas medidas que se están a implantar neste ámbito, como o novo Bono Autonomía en Residencia para axudar a pagar unha praza ás persoas que teñan dereito pero que non puideron acceder a unha pública e o reforzo de 1,5 millóns de horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) entre este ano e o que vén.

Por último, a conselleira insistiu en que a Xunta leva anos demostrando o seu compromiso coa atención á dependencia e pediu ao Goberno central un reparto máis equitativo no financiamento do sistema. Así Galicia podería aumentar as prazas en residencias e centros de día, os recursos innovadores e os servizos profesionais.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2018