Medio Ambiente estudará a posibilidade de acondicionar o exterior de varias vivendas protexidas en Vila de Cruces

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde Jesús Otero abordaron varios asuntos de interese para este concello pontevedrés, entre eles, a necesidade de acometer melloras no punto limpo

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2018-
  • whatsapp

A Xunta estudará a posibilidade de acometer tarefas de limpeza e acondicionamento exterior en varias vivendas de promoción pública localizadas no Poboado Mineiro de Fontao, no Concello de Vila de Cruces.

Este foi un dos principais asuntos abordados esta tarde entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, quen lle trasladou o seu interese en seguir arranxando o exterior dalgunhas destas vivendas e lle pediu colaboración para dotar a esta zona dunha nova área de esparcemento.

Durante a xuntanza, o rexedor tamén incidiu na necesidade de acometer diversas obras de mellora nas instalacións do punto limpo de Vila de Cruces, co obxectivo de optimizar a xestión dos residuos nesta instalación e o servizo que reciben os cidadáns.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente tamén se amosou receptiva á petición do alcalde de que se siga avanzando nos informes ambientais necesarios para a concentración parcelaria de Brandariz, un trámite que lle corresponde á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2018