A Xunta financia en Arteixo un novo programa integrado no que 100 desempregados recibirán formación e optarán a prácticas laborais

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presentou hoxe a iniciativa en Arteixo, no acto de entrega de diplomas aos alumnos da edición que vén de rematar

A actuación, que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello, inclúe medidas de conciliación da vida familiar e laboral para favorecer a asistencia dos participantes ao curso que ten un ano de duración

O PIE que se clausurou hoxe acadou unha inserción laboral superior ao 60%

No conxunto de Galicia, vanse investir preto de 11 millóns de euros para incrementar as oportunidades laborais de 4800 desempregados

Arteixo (A Coruña), 8 de novembro de 2018
  • whatsapp

Un cento de persoas sen emprego participarán na nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) Arteixo-Integra. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presentou hoxe a iniciativa que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria co apoio do Concello. O investimento total é de 260.000 euros dos que un 80% financia a Xunta.

O obxectivo do PIE é incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. De feito, o obxectivo mínimo de inserción laboral fixado para este programa é do 35%. No Programa Integrado de Emprego, que vén de rematar e do que se entregaron hoxe os diplomas aos alumnos participantes, un total de 53 persoas acadaron un posto de traballo, é dicir, un 63% das que comezaron o programa.

Así, Marnotes salientou os bos resultados desta actuación que na edición 2018-2019 centrarase nas seguintes especialidades: axudante de cociña, caixeiro, operacións básicas de restaurante e bar, monitor de tempo libre e comedor escolar, atención sociosanitaria a persoas dependentes e socorrismo en espazos acuáticos. A cualificación nestas materias inclúe prácticas laborais en empresas para favorecer a inserción laboral, dando resposta ao modelo de formación dual e flexible polo que aposta a Administración autonómica.

En Arteixo-Integra tamén impartirase formación en orientación laboral, prevención de riscos laborais, manipulador de alimentos e de peixe e darase asesoramento en emprendemento. Así mesmo, haberá medidas de conciliación da vida familiar e laboral para favorecer a asistencia dos participantes ao curso que ten un ano de duración. Haberá axudas por fillos menores de 3 anos e flexibilidade horaria para pais con fillos en centros de educación primaria.

O novo PIE de Arteixo forma parte do conxunto de Programas Integrados de Emprego que están comezando na actualidade en Galicia e nos que a Xunta inviste 11 millóns de euros. En total, poranse en marcha 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

Nesta convocatoria de axudas priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Entrega de diplomas

No PIE desta edición, que vén de rematar, participaron un total de 85 alumnos e alumnas que se formaron en atención sociosanitaria para persoas dependentes en institución sociais, caixeiro, repoñedor e manexo de carretillas, axudante de cociña, monitor de tempo libre, comedor e transporte escolar, entre outros.

Na entrega de diplomas, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2018