A Xunta recibe o premio ao Fomento do Investimento concedido pola Asociación Española de Business Angels (AEBAN)

A Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, recibe esta tarde o premio polo seu apoio ao emprendemento innovador en todas as súas etapas, dende que xorde a idea ata que chega ao mercado

A entrega do premio prodúcese no marco do VII Congreso da Asociación Española Business Angels, que reúne os principais empresarios do investimento privado en España e que se desenvolve por vez primeira en Galicia co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2018
  • whatsapp

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, recibe esta tarde da Asociación Española de Business Angels (Aeban) o premio ao Fomento do Investimento, no marco dos VI premios anuais da asociación de investidores. Gain recibe este premio polo seu apoio ao emprendemento innovador en Galicia e o acompañamento aos emprendedores en todas as etapas, dende o nacemento da idea ata que se converte nun novo produto ou servizo que chega ao mercado. Ademais de Gain, reciben este premio: Eneko Knörr (na categoría de Mellor Business Angel); Agora Images (na categoría de Mellor Operación); BAN madri+d da Fundación madri+d (como Mellor Rede de Business Angels) e María Jesús Fernández (na modalidade de Personalidade do Ano).

Ademais, Patricia Argerey participou pola mañá na inauguración do VII Congreso AEBAN, que por primeira vez Se celebra en Galicia. Baixo o lema Building a Portfolio, máis de 80 investidores, redes de investidores e institucións danse cita hoxe e mañá co obxectivo de dinamizar un sector que adquire máis protagonismo nos sistemas económicos actuais, grazas á aparición de novas fórmulas de investimento. Nestas xornadas, que reúnen a representantes nacionais e internacionais do sector, presentáronse tamén os programas da Comisión Europea para o acceso a financiamento e as últimas tendencias do ecosistema en EEUU e Europa, ademais dun caso de éxito dunha empresa española.

Na súa intervención na apertura do congreso, Argerey destacou que o seu departamento ten entre as súas prioridades dinamizar a capacidade para atraer investimento e empresas innovadoras e subliñou que este foro supón unha oportunidade para establecer relacións de valor que enriquezan un ecosistema emprendedor como o galego, que está en expansión.

Argerey achegou os tres eixos principais de actuación nos que a Axencia está traballando: as accións encamiñadas ao fortalecemento empresarial e á creación de empresas innovadoras con atractivo e potencial de investimento; o desenvolvemento de instrumentos financeiros específicos para o fortalecemento empresarial, o investimento e/ou o coinvestimento en proxectos innovadores; e un programa completo de incentivos fiscais á innovación e aos investimentos privados en proxectos e empresas innovadoras, que se porá en marcha no marco do novo Plan Galicia Innova 2020.

Entre estas actuacións destacan a posta en marcha da Rede Galega de Aceleradoras, que ten apoiado máis de 900 proxectos durante os últimos cinco anos e que ofrece un sistema de apoio integral dirixido ás startups máis innovadoras prestándolle servizos e achegas económicas. No ámbito dos instrumentos financeiros innovadores, a directora de Gain destacou a posta a disposición dos emprendedores e emprendedoras dos préstamos IFIs, en colaboración co Igape.

Por último, Argerey anunciou a posta en marcha dun programa completo de incentivos fiscais á innovación no marco do novo Plan Galicia Innova 2020, como un elemento tractor clave para o investimento innovador. Este programa contemplará accións de difusión, un servizo de asesoramento e de capacitación para as pemes no marco do programa ReAcciona e a activación de incentivos fiscais autonómicos asociados ao IRPF para favorecer a realización de actividades de investigación e a creación de empresas altamente innovadoras.

III Foro de Investimento Galicia Emprende

Pola tarde terá lugar o III Foro de Investimento Galicia Emprende, no que se presentarán en formato elevator pitch seis proxectos previamente seleccionados polo seu alto contido innovador e o seu potencial de crecemento. Este foro, impulsado pola Consellería de Eocnomía, Emprego e Industria, pretende ser un punto de encontro e unha plataforma de unión entre emprendedores e investidores, co obxectivo final de apoiar a figura do business angel e recoñecer a actividade investidora en empresas como clave para impulsar o crecemento do tecido empresarial galego.

Ao abeiro da Lei do emprendemento, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou en 2014 a Rede Galega de Business Angels, con dous obxectivos: facilitar a confluencia de recursos privados e públicos de forma coordinada e eficiente, para procurar que ningún proxecto empresarial viable quede sen poñer en marcha por falta dos recursos financeiros precisos, e coordinar o sistema de investimentos nos proxectos emprendedores galegos.

Esta iniciativa, na que participan agrupacións e investidores individuais, súmase ás medidas de apoio habilitadas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, para facilitar os investimentos de novos emprendedores dentro do programa Galicia 1000, no que destaca o programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), que achega ademais axudas aos investimentos de pemes en ámbitos como a Industria 4.0 e a innovación.

Tamén para apoiar as iniciativas emprendedoras, Xesgalicia, a sociedade xestora de fondos de capital risco da Xunta , mantén operativos os préstamos participativos e os fondos Galicia Compite FICC, Galicia Iniciativas Emprendedoras e Xes-Innova, ademais do Fondo Tecnolóxico i2C, dirixido a impulsar proxectos empresariais con marcado carácter innovador.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2018