Un cento de desempregados formaranse nos sectores agrario e de servizos no Programa Integrado Avanza na Mariña Lucense II

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado do delgado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentaron hoxe a iniciativa que a Xunta apoia con 250.000 euros

No conxunto de Galicia, vanse investir preto de 11 millóns de euros para incrementar as oportunidades laborais de 4800 desempregados
 

Burela (Lugo), 8 de novembro de 2018
  • whatsapp

Un total de 100 persoas sen emprego están a participar no Programa Integrado de Emprego (PIE) Avanza na Mariña Lucense II que comezou esta semana en Burela e do que participan tamén os concellos de Alfoz, Barreiros, Foz, A Pontenova, Riotorto, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentaron hoxe a iniciativa que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros e que ten por obxectivo incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. De feito, o obxectivo mínimo de inserción laboral fixado para este programa é do 35%.

En Avanza na Mariña Lucense II, os participantes recibirán cualificación principalmente nos sectores agrarios e de servizos por ser os dous ámbitos con máis saídas laborais na zona. Así, formaranse durante un ano, ata finais de outubro de 2019, en operacións básica de restaurante, agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, operacións auxiliares en conservación e mellora de montes e en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Os alumnos e alumnas, ademais, recibirán cualificación en internet e novas tecnoloxías, técnicas de busca de emprego, inglés, galego, manipulador de alimentos e primeiros auxilios. Potenciarase tamén a creación dunha marca persoal e o uso de redes sociais para a busca de emprego.

Marnotes destacou que no conxunto de Galicia, a Xunta vai desenvolver nesta nova convocatoria, que se vén de resolver, un total de 48 programas integrados que, cun investimento próximo aos 11 millóns de euros, chegarán a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

Nesta convocatoria de axudas priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Data de actualización: 08/11/2018