O obradoiro ‘Eo-Navia II’ forma a 20 persoas da Pontenova, a Fonsagrada e Negueira de Muñiz en albanelería e construción

O delegado territorial da Xunta en Lugo salientou que estas iniciativas responden ao dobre obxectivo de mellorar a formación dos participantes e realizar actuacións de interese xeral nos concellos

A Pontenova (Lugo), 9 de novembro de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, inaugurou hoxe o obradoiro de emprego Eo-Navia II, que nos vindeiros nove meses formará a 20 alumnos traballadores nos campos da albanelería e a construción.

A iniciativa é promovida polo Concello da Pontenova conxuntamente cos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz e está financiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cun investimento de 288.800 euros, segundo apuntou o delegado.

Balseiro subliñou que este proxecto proporciona emprego e formación a persoas en situación de desemprego. A especialidade de ‘Operacións auxiliares de albanelería, fábricas e cubertas’ conta con seis alumnos da Pontenova. Outros tantos de Negueira de Muñiz adquirirán coñecementos nesa mesma modalidade e tamén na de ‘Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización’. Na Fonsagrada, oito persoas formaranse en ‘Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción'. No taller hai ademais catro contratos para postos de dirección, administración e monitores (2).

Balseiro indicou que os obradoiros forman parte das políticas activas de emprego impulsadas pola Xunta e salientou que “responden ao dobre obxectivo de mellorar a formación das persoas participantes, o que incrementa as súas posibilidades de optar a postos de traballo máis estables e con máis calidade, ao tempo que realizan obras e servizos de interese xeral para os concellos nos que se desenvolven”.

No caso deste obradoiro, que se estenderá ata finais do mes de xullo do 2019, están previstas obras de mellora en diversas infraestruturas municipais. Os seis alumnos da Pontenova acometerán a substitución da cuberta e reforma da antiga escola de Xudán, mentres que os oito alumnos traballadores do concello da Fonsagrada encargaranse da mellora e acondicionamento da escola unitaria da Pobra de Burón.

En Negueira de Muñiz, executaranse proxectos de rehabilitación de camiños tradicionais e construcións de interese etnográfico. En concreto, intervirase nos viais de Vilas de Arriba e no de ‘lavadoiro’, así como na seimeira de Negueira e no pozo de Bustelo.

Durante as últimas semanas puxéronse en marcha a práctica totalidade dos 20 obradoiros programados na provincia de Lugo, dous deles para menores de 30 anos. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións. Cabe lembrar que na presente convocatoria o Goberno galego atendeu o cen por cen das solicitudes formuladas polos concellos lucenses.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/11/2018