Conde pon en valor as oportunidades do rural para xerar actividade económica e sinala que a formación é o camiño

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Lugo na clausura do curso de autoemprego e consolidación empresarial da Fundación Incyde

Un total de 260 emprendedores recibiron formación nos 12 cursos que se desenvolveron en Galicia dos que a metade participan en proxectos que xa son unha realidade

A iniciativa, que permitiu aos alumnos consolidar ou lanzar ao mercado os seus proxectos de negocio, tiveron lugar en diversos concellos do rural galego, principalmente nos afectados pola ola de incendios de outubro do pasado ano

A Xunta ten en marcha o programa Galicia Rural Emprende que este ano permitiu mobilizar 7,8 millóns de euros en 74 proxectos de empresas e autónomos
 

Lugo, 12 de novembro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Lugo as oportunidades que brinda o rural galego para xerar actividade económica sinalando que a formación é o camiño para o emprego. Así, puxo en valor os 12 cursos de autoemprego e consolidación empresarial que a Fundación Incyde, en colaboración coa Xunta, desenvolveu en Galicia. O titular de Economía asistiu á clausura do celebrado en Lugo no que, entre outros proxectos, destacaron o de Conservas Faro de Burela, de bonito, e o de SharingFlats, un novo negocio de aloxamentos para estudantes.

En total, en toda Galicia, formáronse 260 emprendedores, un 59% mulleres e un 40% pertencentes a colectivos con máis dificultades para atopar un emprego como os inmigrantes, os parados de longa duración ou as persoas con capacidades diferentes. A través desta iniciativa, o alumnado recibe formación e asesoramento que lle permitiu consolidar ou lanzar ao mercado os seus proxectos de negocio. De feito, o 50% dos emprendedores participan en proxectos que son unha realidade.

Ademais de en Lugo, celebráronse cursos, algúns a piques de rematar, en Monforte (Lugo); Beade, Bande e A Gudiña (Ourense); Ponteareas, Cerdedo-Cotobade e Baiona (Pontevedra); e Boiro e Oza-Cesuras (A Coruña). As accións formativas tiveron lugar en concellos do rural, preferentemente nos que resultaron afectados pola ola de incendios forestais de outubro do ano pasado.

Conde destacou que a través do emprendemento apóiase a actividade económica e puxo en valor o talento que existe no rural galego e as oportunidades que se ofrecen nestas áreas en sectores como o agroalimentario, o turismo e na posta en marcha de plataformas tecnolóxicas para ofrecer novos servizos á cidadanía. Neste senso, lembrou que a Xunta conta con iniciativas que apostan polos proxectos no rural como o Galicia Rural Emprende que este ano permitiu mobilizar 7,8 millóns de euros en 74 proxectos de empresas e autónomos. En Galicia, ademais, xa é posible constituír microcooperativas de tan só 2 socios grazas á Lei de implantación empresarial.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/11/2018