A Xunta desenvolve en Oza-Cesuras unha acción formativa para impulsar a creación de empresas no ámbito rural

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, asistiu á clausura do curso que a Consellería de Economía, Emprego e Industria realizou en colaboración coa Fundación Incyde

Na iniciativa participaron 22 persoas, que contaron con apoio personalizado para desenvolver os seus plans de negocio

Oza-Cesuras (A Coruña), 23 de novembro de 2018

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, asistiu esta tarde en Oza-Cesuras á clausura do curso de Creación e consolidación empresarial, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e conxuntamente coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde).

No curso, cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE), participaron 22 persoas, que contaron con titorías adecuadas ás necesidades dos proxectos para facilitar a consolidación de novas iniciativas empresariais e para facilitar o autoemprego e crecemento de empresas.

En total, en toda Galicia, no marco da colaboración entre a Xunta e Incyde, formáronse 260 emprendedores, un 59% mulleres e un 40% pertencentes a colectivos con máis dificultades para atopar un emprego como os inmigrantes, os parados de longa duración ou as persoas con capacidades diferentes. A través desta iniciativa, o alumnado recibe formación e asesoramento que lle permite consolidar ou lanzar ao mercado os seus proxectos de negocio. No caso de Oza-Cesuras, centráronse en ámbitos como as hortas ecolóxicas, as empresas de servizos á terceira idade ou produtos artesanais.

Ademais de no municipio coruñés, celebráronse cursos en Lugo, en Monforte (Lugo); Beade, Bande e A Gudiña (Ourense); Ponteareas, Cerdedo-Cotobade e Baiona (Pontevedra); e Boiro e Oza-Cesuras (A Coruña). As accións formativas tiveron lugar en concellos do rural, preferentemente nos que resultaron afectados pola vaga de incendios forestais de outubro do ano pasado.

Data de actualización: 23/11/2018