Educación e o Consello de Contas colaborarán para fomentar a cultura da integridade e o comportamento ético no alumnado

A conselleira e o conselleiro Maior asinaron hoxe un convenio para o fomento destes valores nas aulas

Para desenvolvelo, elaborarase unha unidade didáctica de diferentes materias dirixida a estudantes de ESO e Bacharelato

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2018
  • whatsapp

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e mais o conselleiro Maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para concienciar e sensibilizar o alumnado na cultura da integridade. O obxectivo é formar os estudantes na necesidade de adoptar un comportamento e valores éticos, dado que é na idade escolar onde se poden aplicar estratexias máis efectivas neste sentido. Ao tempo, favorécese o desenvolvemento das competencias clave relacionadas coa cidadanía activa e responsable, así como o fortalecemento dos valores democráticos europeos.

O convenio desenvolverase a través da elaboración dunha unidade didáctica sobre a cultura da integridade e o comportamento ético da sociedade civil nas súas relacións cos poderes públicos, que se incluirá nas materias de Valores Democráticos Europeos (1º e 2º de ESO), Economía (4º de ESO), Economía (1º de Bacharelato) e Economía da Empresa (2º de Bacharelato). Os centros educativos comezarán a traballar con esta unidade no curso 2019/20.

A unidade didáctica será elaborada polo Consello de Contas baixo a tutela didáctica de profesionais da Consellería. Incluirá unha guía completa con mención expresa á súa integración curricular así como material para a formación do profesorado, tanto na implantación das unidades didácticas como naqueles outros aspectos de carácter transversal relativos ao comportamento ético, a integridade e a prevención educativa. Será a Rede de Formación do Profesorado a que asuma a organización das correspondentes accións formativas no relativo á inscrición e certificación dos docentes ou a difusión das boas prácticas, entre outros aspectos.

De forma complementaria, o Consello de Contas ten previsto impulsar un certame literario sobre algunha materia contida no acordo. As bases da súa convocatoria serán aprobadas polo Consello de Contas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2018