O Diario Oficial de Galicia publica a aprobación do acordo de reestruturación parcelaria de Troáns II, no concello de Cuntis

Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 614 propietarios e afecta a unha superficie total de 171 hectáreas

Para rematar as reestruturacións parcelarias que están abertas a día de hoxe, a Consellería do Medio Rural destina para o ano 2019 un orzamento de 20,5 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2018
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se aproba o acordo da reestruturación parcelaria da zona de Troáns - sector II, no concello pontevedrés de Cuntis.

A aprobación do acordo permite dar un paso máis na finalización deste proceso que afecta a 171 hectáreas e que ten un carácter principalmente forestal, xa que da superficie total, aproximadamente o 70% corresponde a monte e o 30% restante a terreos agrícolas.

Este paso supón tamén a determinación dos predios de reemprazo cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Neste caso, falamos da reorganización de 2.977 parcelas que pasan a ser 717 predios pertencentes a 614 propietarios.

Nesta reorganización territorial lévanse investidos 1,4 millóns de euros, que se destinaron na súa meirande parte á execución da rede de camiños e, en menor medida, a investimentos en diferentes servizos técnicos relacionados, entre outras cuestións, co seguimento ambiental e o control arqueolóxico do proceso.

Para rematar administrativamente as reestruturacións parcelarias que están abertas a día de hoxe, a Consellería do Medio Rural destina para o ano 2019 un orzamento total de 20,5 millóns de euros.

Data de actualización: 04/12/2018