Medio Ambiente prevé aprobar o vindeiro ano o Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural Monte Aloia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que ata comezos de xaneiro entidades, institucións e cidadáns poderán presentar alegacións que enriquezan este documento

Unha das novidades que recolle este instrumento é unha nova zonificación, diferenciando zonas de uso limitado, compatible e uso xeral, e o establecemento dun plan de emerxencias, co fin de minimizar posibles consecuencias

Ángeles Vázquez destaca a riqueza natural deste parque natural, no que habitan 11 das 14 especies de anfibios coñecidos en Galicia

A conselleira de Medio Ambiente visitou os traballos de restauración do bosque de galería do río Deique, no día que se cumpren 40 anos da súa declaración como o primeiro parque natural de Galicia

Tui (Pontevedra), 4 de decembro de 2018
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé aprobar no vindeiro ano o Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural Monte Aloia. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou este prazo durante a visita a este espazo natural, no día que se conmemoran 40 anos da súa declaración como o parque natural, o primeiro de Galicia.

Tal e como avanzou a conselleira, Monte Aloia conta desde o ano 2009 cun Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX), pero tras case unha década dende a súa aprobación, era necesario actualizado. O proxecto de decreto atópase en período de información pública desde o pasado 19 de novembro; polo que as entidades, institucións e particulares que desexen facer as achegas poderán presentar as súas alegacións ata o 3 de xaneiro.

Defendeu que se trata dun proceso co que se pretende enriquecer o documento, cuxa vixencia será de 6 anos, e establece tres zonas de uso diferenciadas: uso limitado, na que se inclúen as áreas cos principais valores naturais do parque, polo que o seu uso público queda restrinxido; de uso compatible, sometidas a un aproveitamento forestal ordenado de carácter tradicional, compatible coa conservación; e de uso xeral, de aproveitamento para actividades de recreo e lecer.

Outra das novidades que recolle este novo PRUX é o establecemento dun plan de emerxencias, que prevé a optimización de todos os recursos técnicos e humanos dispoñibles no parque. Deste xeito, pódese controlar de forma rápida unha emerxencia e minimizar as súas posibles consecuencias, afirmou a conselleira, quen engadiu que tamén se prevé a axilización dalgúns procedementos, como cortas de arborado dentro do parque.

Explicou que o PRUX prevé clarificar e sistematizar a normativa existente para poder dotar dunha regulación única a un espazo singular; ao tempo que se compatibiliza cada un dos usos existentes coa conservación da biodiversidade.

Ángeles Vázquez recordou que o Monte Aloia é unha auténtica xoia natural, que hoxe cumpre 40 anos declarado como parque natural, que só en 2018 recibiu máis de 35.700 visitas, que abrangue máis de 746 hectáreas e que contén 12 tipos de hábitats tipificados como de importancia comunitaria, dos que tres son prioritarios; e tamén conta cunha das poboacións de anfibios máis importantes de Galicia, rexistrando 11 das 14 especies que son coñecidas en Galicia.

Salientou o esforzo do Goberno galego por manter e conservar o patrimonio natural deste enclave, no que no ano 2018 se investiron máis de 330.000 euros, para a realización de campañas de difusión e divulgación dos valores, así como actuacións de restauración e prevención, como a actuación supervisada esta mañá, a restauración do bosque de galería do río Deique.

En definitiva, o Monte Aloia ten uns atractivos paisaxísticos, históricos e naturais que son un síntoma da necesidade de conservar a biodiversidade do Baixo Miño e sobre todo da importancia que ten como motor para o desenvolvemento económico das comarcas nas que se sitúa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2018