A conselleira do Mar explicou no Parlamento a liña de traballo da Xunta para a negociación dos TAC e cotas na Unión Europea de cara ao ano que vén
Galicia ultima os argumentos que trasladará ao Goberno central para a defensa dos intereses da nosa frota na negociación europea das posibilidades de pesca de 2019

Busca consolidar as cifras daqueles Totais Admisibles de Captura das especies para as que a Comisión Europea propón un incremento e reverter ou minorar as propostas de baixada

A conselleira lembrou que a comunidade autónoma galega demanda eliminar os TAC das especies de captura accesoria para a frota

No eido da xestión das pesqueiras, Galicia defende a diferenciación da asignación de cifras de posibilidades de pesca para especies como o lirio e a xarda en diferentes áreas de TAC
 

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2018
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que Galicia está traballando para consolidar os argumentos que trasladará ao Goberno central co obxectivo de defender os intereses da frota galega no vindeiro Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se negociarán as posibilidades de pesca para o ano 2019. Deste xeito, Galicia busca consolidar as cifras daqueles Totais Admisibles de Captura das especies para as que a Comisión Europea (CE) propón un incremento e reverter ou minorar as propostas de baixada.

Con este obxectivo, desde a comunidade autónoma galega “estamos repasando especie por especie e TAC por TAC e analizando varias fontes de información para verificar e conformar os nosos argumentos”. Neste sentido, Rosa Quintana detallou que se están avaliando os informes do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), os desembarques de cada especie e frota para ver o nivel de implicación de cada baixada e os comentarios doutros países nos grupos de traballo da UE para buscar aliados.

Tamén “estamos analizando a tendencia do TAC noutros anos para ver a súa evolución e estamos avaliando a importancia e impacto económico de cada especie para centrar as demandas e establecer unha prevalencia na negociación”, engadiu. Unha negociación, lembrou, á que Galicia asiste como representante das comunidades autónomas españolas.

Para realizar as súas propostas, Galicia céntrase en tres aspectos, que son o Rendemento Máximo Sustentable (RMS),é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock; os descartes e a xestión da pesca. En relación ao RMS a conselleira explicou que Galicia defende que “os TAC se determinen nalgúns casos onde sexa factible, en base á recomendación do nivel superior do intervalo de RMS como fórmula para elevar e mellorar as cotas dispoñibles”. Neste punto, puxo como exemplo o caso da pescada do Cantábrico, onde a súa aplicación podería facer aumentar o TAC nun 21%.

En canto aos descartes, Rosa Quintana, expuxo que Galicia demanda, entre outros aspectos, “eliminar os TAC das especies de captura accesoria para a nosa frota” e que poden converterse en especies de estrangulamento, é dicir, aquelas das que os barcos non teñen cota ou a cota é escasa, pero que se encontran entre as súas capturas xunto coas da especie principal á que se dedican as embarcacións. Isto significa que, se computan as capturas da especie de estrangulamento que un barco extrae de xeito accesorio, daríase o caso de que o buque teña que abortar a posibilidade de pesca ao esgotar a cota da especie accesoria aínda que dispoña de cota da especie principal.

No eido da xestión das pesqueiras, Rosa Quintana explicou, entre outras cuestións, que Galicia defende, para especies como o lirio e a xarda, a instauración dunha diferenciación da xestión ou asignación diverxente de cifras de posibilidades de pesca para diferentes áreas de TAC, en función das diferentes prácticas pesqueiras que se fan nas zonas.

As propostas TAC para 2019

En canto á proposta da CE para as posibilidades de pesca do ano que vén que se negociará no Consello de Ministros de Pesca da UE deste mes, a titular de Mar sinalou que “non é a peor posición de saída das que nos temos atopado”. Neste sentido, lembrou que dos 36 TAC principais dos que España dispón de cota, para 14 proponse suba, en 10 suxírese manter o TAC e noutros 10 proponse unha rebaixa, entre as que están as do lirio e a xarda. Os TAC destas dúas últimas especies asígnanse na Comisión de Pesquerías do Atlántico Nordeste (NEAFC) para todos os Estados costeiros do Atlántico Nordeste.

Dentro das propostas de baixada, a conselleira destacou que a pescada do Cantábrico e Noroeste “conta con varias posibilidades de entre as consideracións de ICES para mellorar a súa cifra de TAC”. En relación á cigala, Rosa Quintana explicou que Galicia difire da proposta da continuidade do seu peche efectivo no Cantábrico e demanda a súa reconsideración, xa que “as campañas de estudo levadas a cabo polo Instituto Español de Oceanografía coa colaboración do sector ofrecen cifras máis positivas que as aducidas por ICES para o peche”.

Estas e outras consideracións, salientou Rosa Quintana, serán comunicadas por Galicia ao Goberno central para que “de forma coordinada e achegando todos os nosos argumentos”, poidamos reverter conxuntamente as propostas de baixada. O obxectivo, engadiu, é “acadar a mellor situación para a nosa frota nun ano que pode ser clave para o seu futuro”.

Neste senso, a conselleira do Mar salientou que este debate dos TAC e cotas para 2019 é o máis importante dos últimos anos, xa que “haberá que conxugar a necesidade de acadar o Rendemento Máximo Sustentable a sabendas de que só restan dúas anualidades para facelo, así como incluír a parte máis complexa da obriga de desembarque”.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 04/12/2018