O xerente do Consorcio Galego de Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou o novo servizo para os maiores, que entrou en funcionamento en outubro
A Xunta organiza un programa de actividades para a prevención da dependencia no centro de día de Cambados

Están destinadas a maiores de 65 anos da zona e a persoas e familiares que se encargan do coidado de dependentes

Cambados (Pontevedra), 4 de decembro de 2018
  • whatsapp

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, presentou esta mediodía no novo centro de día da rede de atención aos maiores da Xunta de Galicia en Cambados, as actividades que se desenvolverán nel a partir deste mes de decembro e que permitirán ademais que os veciños da zona poidan coñecer as súas instalacións, o seu funcionamento e os servizos dos que dispón.

A primeira das actividades é un ciclo de seis charlas formativas no centro de día para veciños que se encargan do coidado de familiares e outras persoas dependentes, que terán lugar nos meses de decembro, xaneiro e febreiro, en xornada de tarde, co obxectivo de comprender mellor as situacións de dependencia e atopar recursos que faciliten as tarefas de coidado. Precisamente a primeira das charlas, o próximo 12 de decembro, versará sobre os recursos sociais dos que dispoñen as persoas, no ámbito da dependencia.

A segunda actividade consiste en abrir os obradoiros de ximnasia e de memoria que se realizan semanalmente no centro de día coa finalidade de promover a autonomía persoal a veciños da vila maiores de 65 anos. Concretamente, os obradoiros de memoria e de ximnasia abrirán unha hora semanal cada un deles, a partir do mes de decembro. Ambas actividades, as charlas e os obradoiros, pretenden converter o centro de día de Cambados nun espazo vivo e aberto á súa contorna.

A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, investiu no novo centro de día de Cambados, que ten unha capacidade máxima de 40 usuarios, máis de 850.000 euros entre obras e equipamento. Este novo servizo entrou en funcionamento no pasado mes de outubro e a incorporación de usuarios estase a producir dun xeito gradual.

Data de actualización: 04/12/2018