Ovidio Rodeiro reúnese cos mozos e mozas participantes nos proxectos de mobilidade de Galeuropa

O delegado territorial destacou que estas iniciativas son un elemento positivo para o intercambio de ideas e a difusión da innovación, así como unha ferramenta de apoio no desenvolvemento persoal e profesional

Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil que este ano ten un orzamento de 2,5 millóns de euros

Boqueixón (A Coruña), 04 de decembro de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe cos mozos e mozas que veñen de participar nos proxectos de mobilidade Galeuropa promovidos pola agrupación Val do Ulla, integrada polos concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces, e a Asociación Terras de Compostela (Vedra).

O proxecto da agrupación Val do Ulla, cun orzamento de 105.000 euros, facilitou que 20 mozos e mozas, inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, realizaran prácticas formativas non retribuídas durante tres meses en empresas de Irlanda, Italia e Malta – 8 na cidade de Cork (Irlanda), 6 en Sicilia (Italia) e 6 na Valeta (Malta).

Pola súa banda, o proxecto promovido pola Asociación Terras de Compostela, cun orzamento de 46.000 euros, permitiu que 9 mozos e mozas realizaran as súas prácticas formativas durante dous meses e quince días en empresas de Irlanda (5) e Italia (4).

A contía da axuda por participante estivo en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma; e incluía unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención e para a viaxe. O importe total da axuda incluía para a entidade de envío unha achega económica para a organización da mobilidade de 550 euros por participante e para a súa execución, así como unha axuda á entidade de acollida.

Ovidio Rodeiro subliñou que “os mozos e mozas que participan en proxectos de mobilidade, como é o caso de Galeuropa, melloran o seu capital social mediante o establecemento de contactos que poden ser útiles en termos de empregabilidade; e tamén reforzan o seu capital humano co desenvolvemento de competencias transversais, como é a adaptabilidade, as habilidades interculturais e lingüísticas, o traballo en equipo, a habilidade para traballar nun contexto internacional”. “A mobilidade é un elemento positivo para o intercambio de ideas e a difusión da innovación, así como unha ferramenta de apoio no desenvolvemento persoal e profesional dos mozos e mozas”, engadiu.

O programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Cun orzamento no ano 2018 de 2,5 millóns de euros, pretende financiar e apoiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas entre 2 e 3 meses de duración en entidades e empresas públicas ou privadas de 27 países da Unión Europea, ben directamente concedendo axudas individuais aos mozos e mozas ou ben mediante concesión de axudas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia, e que desenvolvan actividades no eido da xuventude ou proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

O representante do Goberno autonómico lembrou que na convocatoria do 2018, no caso de entidades locais, foron aprobados tres proxectos, cun orzamento adxudicado de algo máis de 265.000 euros e un total de 50 mobilidades: 20 para Reino Unido, 11 para Italia, 8 para Irlanda, 6 para Malta e 5 para Países Baixos. As entidades locais beneficiarias son: a agrupación de concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces, con 20 mobilidades de 3 meses de duración; a agrupación de concellos Negreira- Val do Dubra con 10 mobilidades de 3 meses de duración; e a Mancomunidade de concellos de Ordes con 20 mobilidades de 2 meses e 17 días de duración

No caso das entidades sen ánimo de lucro foron presentados 22 proxectos, dos que resultaron beneficiarios 18 cun orzamento adxudicado de 1,2 millóns de euros e un total de 228 mobilidades aprobadas: 70 para Italia, 54 para Portugal, 38 para Reino Unido, 26 para Irlanda, 12 para Alemaña, 8 para Bulgaria, 8 para Malta, 8 para Polonia e 4 para Francia.

As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias con 15 mobilidades aprobadas de 3 meses de duración foron: Asociación Extramundi (Santiago), Grupo Compostela Universidades (Santiago), Sustinea (Ourense), Xeración Asociación Cultural (Narón), Alrocava (Oleiros), Euroxuntude (A Coruña) e Asociación Foro, LC (Oleiros); con 14 mobilidades de 3 meses de duración, Asociación Erasmus Compostela (Santiago) e Asociación cultural Ingalicia (A Coruña); con 12 mobilidades de 3 meses de duración, Asociación Fogart (Santiago), Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (Ourense), Amigos da Terra (Ourense) e Asociación xuvenil Muxema (Negreira); con 8 mobilidades de tres meses de duración, Fundación Paideia Galiza (A Coruña), Asociación sociocultural Luenda (A Baña) e ONG Mestura (Culleredo); con 9 mobilidades e 2 meses e 15 días de duración, Asociación Terras de Compostela (Vedra) ; e con 14 mobilidades de 2 meses e 7 días de duración, a Federación EFA Galicia (Santiago).

Na modalidade de axudas individuais, resultaron beneficiarios 188 mozos e mozas cun orzamento adxudicado superior aos 764.000 euros. Segundo o país de realización das prácticas, estes 188 mozos e mozas, sen prexuízo de posibles renuncias ou cambios de país, realizaron a súa mobilidade nun total de 16 países: 71 no Reino Unido; 47 en Portugal; 12 en Irlanda; 11 en Italia; 9 en Polonia; 8 en Malta; 7 en Francia; 6 en Alemaña; 5 en Grecia, 3 en Países Baixos; 2 en Dinamarca; 2 en Eslovenia; e en Lituania; 1 en Chipre; e en Estonia; e 1 en Suecia.

Unha vez rematados os proxectos de mobilidade, os participantes poden obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permite validar as competencias adquiridas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/12/2018