O conselleiro do Medio Rural participou na constitución do grupo de expertos sobre lumes creado a instancias da comisión parlamentaria de política forestal
José González apela ao consenso entre as forzas políticas galegas para reforzar a loita contra os incendios forestais

Os membros deste grupo foron propostos polos catro grupos da Cámara e encargaranse de suxerir melloras no servizo anti-incendios da Xunta

O titular de Medio Rural comprometeuse a estudar as súas conclusións e ofreceulles o apoio pleno da consellería e do Goberno galego nesta tarefa

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2018
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo hoxe unha nova chamada ao consenso entre as forzas políticas galegas para impulsar a política forestal e, especialmente, a loita contra os incendios, que cualificou como cuestión “de país”. O titular de Medio Rural participou, xunto co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e representantes dos diferentes grupos de Cámara, no acto de constitución do grupo de expertos creado a instancias do ditame da Comisión forestal.

Na súa intervención, o conselleiro agradeceu a disposición dos integrantes do grupo para formar parte desta iniciativa que, destacou, “xorde do consenso”. E insistiu en apelar ao “diálogo e ao entendemento” como fórmula para loitar xuntos contra a lacra dos lumes forestais. Neste mesmo sentido, José González lembrou que os incendios do ano pasado puxeron en perigo “o máis valioso, a vida das persoas, pero tamén a nosa riqueza natural e os nosos recursos económicos”. Porén, advertiu, tamén serviu para “espertar a conciencia social e política de Galicia”, algo que se plasmou na creación e nos traballos da comisión parlamentaria.

Hoxe, engadiu o conselleiro, coa constitución do grupo de expertos dáse “un paso máis nesa dirección”. Así, explicou que a creación deste colectivo de especialistas responde ao establecido na recomendación número 60 do ditame parlamentario e que a súa función será “mellorar, no posible, o xa altísimo grao de eficacia do servizo de loita contra os incendios forestais”. José González rematou a súa intervención desexando éxito aos expertos e comprometendo o apoio da Xunta aos seus traballos, así como o estudo e avaliación, polo miúdo, das súas conclusións.

O grupo de expertos constituído hoxe estará coordinado polo xefe do servizo provincial de prevención e defensa contra incendios forestais de Pontevedra, Manuel Francisco Gutiérrez. Ademais, fórmano tamén o xefe de incendios da Coruña, Guillermo Acebal, o xerente do consorcio provincial contra incendios e salvamento da Coruña, José Luis Barca, e o profesor de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Córdoba, Francisco Rodríguez y Silva, os tres propostos polo grupo popular.

Por outra banda, tamén formarán parte deste grupo de expertos o enxeñeiro de montes e investigador, Xavier Bruña, proposto polo grupo de En Marea; o tamén enxeñeiro de montes, Xosé Benito Reza, proposto polo grupo socialista, e o profesor e exdirector xeral de Montes, Alberte Blanco, incorporado a instancias do grupo do BNG.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 05/12/2018