O conselleiro do Medio Rural respondeu unha interpelación no Parlamento sobre este asunto
A Xunta traballa para que Galicia manteña os fondos europeos que lle corresponden e que a PAC contemple as peculiaridades da nosa comunidade

José González reiterou que Galicia ten xa fixada unha postura sobre a Política Agrícola Comunitaria que foi consensuada co sector e que o Goberno autonómico defende en todos os foros

Galicia quere unha PAC forte, común e que financie exclusivamente con fondos europeos as axudas directas e avoga por favorecer a incorporación de mozos ao agro e por medidas para paliar as oscilacións dos prezos

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2018
  • whatsapp

A Xunta está a traballar arreo para que Galicia siga percibindo os fondos europeos que lle corresponden e que non se vexa afectada por posibles baixadas na asignación destas achegas. Así o advertiu o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a unha interpelación parlamentaria sobre a Política Agrícola Comunitaria (PAC).

Así, o titular de Medio Rural sinalou que o Goberno galego “actúa para paliar esta posible baixada e para que a UE teña en conta as peculiaridades demográficas da nosa comunidade, o bo uso que se fai dos fondos europeos e que, ademais, grazas a estes cartos se poidan poñer en marcha políticas que axuden a combater o envellecemento e a despoboamento”, algo de interese especial no medio rural.

Sobre a futura PAC, o conselleiro explicou que as próximas eleccións europeas “condicionan” este debate, pero engadiu que “isto non é impedimento para que Galicia teña xa fixada a súa postura ao respecto”. Unha posición que –destacou– foi consensuada cos actores económicos e sociais do rural.

A continuación, José González debullou algúns dos principais contidos do documento que resume a posición galega. Así, por exemplo, indicou que a nosa comunidade defende unha PAC forte, común e que financie exclusivamente con fondos europeos o seu primeiro piar (as axudas directas). Tamén avoga por medidas que recoñezan as particularidades do noso territorio, por favorecer a incorporación de mozos á actividade agraria e por medidas para paliar as oscilacións dos prezos dos produtos agrarios.

Ademais, o conselleiro tamén trasladou que Galicia defende o establecemento dun tope máximo de axuda por explotación de 60.000 euros, para favorecer as pequenas e medianas explotacións, ou a existencia dunha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais e insistiu en que a defensa destes principios está centrando a súa actividade en diferentes foros, tanto desde a nosa comunidade como en Madrid ou Bruxelas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2018