O obradoiro de Sarria forma a 20 persoas que dixitalizan fondos do arquivo municipal e melloran espazos públicos do concello

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, coñeceu o traballo que se desenvolve neste taller, financiado pola Xunta con 288.800 euros

A Consellería de Economía, Emprego e Industria está a tramitar o anticipo do 50% do importe da achega concedida aos 20 obradoiros que están en marcha na provincia

Sarria (Lugo), 5 de decembro de 2018
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, coñeceu esta mañá o traballo que se desenvolve no obradoiro de emprego Dixitaliza Sarria, que forma a 20 persoas e se dedica á dixitalización dos fondos do arquivo municipal e á mellora de espazos públicos do municipio.

Balseiro apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 288.800 euros a financiar esta iniciativa e lembrou que os participantes poderán obter un certificado de profesionalidade. No obradoiro traballan tamén un director, un administrador e dous monitores. Ten unha duración de nove meses, ata finais de xullo de 2019.

O delegado subliñou que un dos eixos principais da Axenda para o Emprego da Xunta é a “capacitación e especialización dos traballadores e traballadoras” e apuntou que é especialmente importante que a formación “responda aos perfís profesionais máis demandados no mercado laboral”.

As especialidades que se imparten nesta iniciativa, promovida polo Concello de Sarria, son as de ‘Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos’ e ‘Pavimentos e albanelaría de urbanización’, con dez alumnos traballadores cada unha delas.

As obras proxectadas consisten na construción dunha praza pública na zona de Lama da Gándara; traballos para a conservación do estado orixinal dos pavimentos da Rúa Maior e adecuación e posta en valor dos elemento de formigón para xogos de patinaxe situados na zona do Chanto.

Obradoiros en marcha na provincia

Na provincia de Lugo están en marcha ao amparo da última convocatoria 20 obradoiros de emprego, a totalidade dos solicitados polos concellos. En total, involucran a 50 municipios, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.

Segundo avanzou o delegado territorial, unha vez iniciada a actividade en todos os talleres, o departamento de Economía, Emprego e Industria xa está a tramitar o anticipo aos concellos promotores do 50% do importe total da axuda do proxecto.
Balseiro apuntou que esta medida, a posibilidade de anticipo, introdúxose como novidade na convocatoria do ano pasado e salientou que supón unha vantaxe para os concellos, que non se vén na obriga de adiantar este diñeiro, contribuíndo á estabilidade das facendas locais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/12/2018